O conselleiro de Educación aposta pola formación do profesorado, a avaliación, o traballo e o esforzo do alumnado para mellorar os resultados da educación en Galicia

O conselleiro de Educación presentou hoxe os resultados destas probas, realizadas en outubro de 2009

Mér, 29/12/2010 - 13:04

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, valorou hoxe a tendencia á mellora do sistema educativo galego que veñen de poñer de manifesto os resultados obtidos polo alumnado nas probas de Avaliación de diagnóstico da Comunidade Autónoma de Galicia e no Informe PISA 2009, aínda que insistiu na necesidade de “seguir a traballar para que o sistema educativo galego acade os máximos niveis de excelencia e calidade”.

Nunha rolda de prensa na que presentou os resultados de ambos os dous informes, o conselleiro explicou que a finalidade desta probas é a de testar o estado actual da educación en Galicia co fin de seguir traballando na súa mellora, pero non o de establecer competicións entre os centros educativos nin entre o alumnado galego. “Trátase senón dunha análise dos puntos fortes e das eivas do nos sistema educativo que nos vai permitir apuntar as medidas desta Consellería cara os eidos axeitados”, puntualizou Vázquez Abad.

Ademais, Vázquez Abad lembrou que estas probas cumpren cunha función de transparencia e de reflexión sobre o funcionamento do sistema educativo. Por outra banda, a súa implantación facilítalle á Administración educativa a orientación das políticas educativas, así como a posta en marcha de actuacións dirixidas á revisión e mellora do sistema.

Avaliación de Diagnóstico

Respecto da Avaliación de diagnóstico, o conselleiro de Educación explicou que os preto de 42.900 escolares galegos de 1.090 centros escolares que realizaran as probas amosaran mellores resultados nas competencias lingüísticas que nas matemáticas.

Estas probas avaliaron o nivel de desenvolvemento dos alumnos e alumnas nas competencias básicas, nesta ocasión na competencia matemática e na competencia lingüística dos escolares que o curso 2008/2009 estiveron escolarizados nos cursos de 4º de primaria e 2º da ESO. Ademais, o alumnado tivo que resolver situacións que probaran a súa capacidade para aplicar os coñecementos á comprensión da realidade nos seus diversos contextos, e á resolución de problemas prácticos xerados na vida cotiá.

Os resultados da competencia lingüística en 4º de Primaria indican que o alumnado de educación primaria domina mellor a comprensión oral e lectora que a expresión escrita.  No caso de 2º da ESO nesta mesma competencia, os resultados apuntan na mesma dirección.

Respecto da competencia matemática, as probas foron distintas para cada etapa educativa. Así, en 4º de Primaria avaliáronse os bloques de 'Cantidades', 'Espazos e formas', e 'Azar e probabilidade'. Os resultados para esta etapa indican que o alumnado non presenta dificultades nas cuestións referidas a cantidades, e azar e probabilidade, pero ten maiores dificultades no tratamento de espazos e formas.

En canto a 2º de ESO avaliáronse os bloques de 'Números', 'Álxebra', 'Xeometría', 'Funcións e gráficas', 'Estatística e probabilidade', e 'Contidos comúns'. Neste caso, os resultados indican que o alumnado presenta bos niveis de execución en números, álxebra, xeometría e estatística e probabilidade, destacando nestes dou últimos. Pola contra atopa dificultades ao enfrontarse a problemas relacionados con funcións e gráficas, nos que aínda están iniciando a súa aprendizaxe.

Tal e  como explicou o conselleiro, en cada unha das competencias analizadas nesta avaliación os ítems foron clasificados en cinco niveis de dificultade, que permiten cuantificar a porcentaxe de alumnado que hai en cada nivel e describir as características asociadas á adquisición da competencia en cada nivel, é dicir, que sabe facer un alumno, como aplica os seus coñecementos e con que grao de complexidade.

En ambas as dúas competencias os resultados son moi similares nas dúas etapas. Así, na comunicación lingüística o 75% da poboación avaliada sitúase nos niveis intermedios (niveis 2, 3 e 4). En canto á competencia matemática case tres cuartas partes da poboación avaliada sitúase nos tres niveis intermedios.

Xénero e provincias

Respecto doutro dos aspectos finalmente analizados nesta avaliación, a diferenza por xéneros, na competencia en comunicación lingüística as nenas avaliadas en educación primaria superan en 10 puntos á media obtida polos nenos nesta mesma competencia. Na ESO, mantense a tendencia da etapa anterior, e as alumnas superan en 17 puntos á media obtida polos alumnos na competencia en comunicación lingüística.

No caso da competencia matemática, en educación primaria os nenos obteñen unha puntuación 19 puntos maior que a media das nenas; e na ESO os alumnos superan en 22 puntos á media obtida polas alumnas na competencia matemática.

Doutra banda, o conselleiro fixo referencia á homoxeneidade entre os centros educativos de toda a Comunidade galega, xa que non existen apenas diferenzas entre as puntuacións medias das catro provincias da comunidade.

O conselleiro de Educación insistiu, tras presentar os resultados da Avaliación de Diagnóstico, na importancia do traballo persoal e diario do alumnado fóra do horario lectivo, cuestión fundamental para axudarlle a acadar mellores resultados tanto na competencia en comunicación lingüística como na competencia matemática.

Informe PISA 2009

O conselleiro de Educación fixo tamén na rolda de prensa unha valoración sobre os resultados acadados polo alumnado galego no Informe PISA 2009. Os 1.585 alumnos de 54 centros avaliados pola OCDE nestas probas acadaron unha puntuación de 486 puntos en comprensión lectora, a principal competencia analizada, o que supón 7 puntos máis que a puntuación obtida no ano 2006; e 5 máis que a media española. Nos procesos desta competencia, explicou o conselleiro, o alumnado galego obtén maior puntuación nos exercicios de reflexión.

En PISA 2009 iniciouse unha nova opción, a lectura de textos electrónicos ERA (Electronic Reading Assessment,) co obxectivo de avaliar a comprensión lectora neste formato. Unha competencia na que, explicou Vázquez Abad, “desde esta Consellería confiamos en que nas vindeiras avaliacións de PISA se produza unha mellora significativa, grazas á implantación das TIC nas aulas a través do Programa ABALAR”. “Doutra banda, a consellería de Educación seguirá a traballar na mellora da competencia lectora do alumnado galego, a través das diferentes iniciativas artelladas polo Plan LIA de Bibliotecas Escolares para o fomento da lectura entre os máis novos, como unha ferramenta para o éxito escolar”, engadiu.

No caso da competencia científica, PISA volve situar ao alumnado galego, con 506 puntos, por riba da media da OCDE e da media española, de 501 puntos, e 488 puntos, respectivamente.

Respecto da competencia matemática, a media obtida polo alumnado de Galicia nesta competencia é de 489 puntos, 6 por encima da media do Estado, e nun grupo intermedio no que tamén están Asturias, Cantabria, Cataluña e Murcia; aínda que 7 puntos menos que a media dos países da OCDE.

Tras a presentación destes datos, o conselleiro insistiu na necesidade da colaboración de toda a comunidade educativa para impulsar a cultura do esforzo; así como na utilidade dos procesos de avaliación que a Consellería de Educación está a realizar para mellorar a calidade dun sistema educativo galego “que comece xa a beneficiar aos que serán os cidadáns do mañá”.

Declaracións do conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad (1ª parte)

Declaracións do conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad (2ª parte)

Declaracións do conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad (3ª parte)