O conselleiro de Cultura e Educación entrega o recoñecemento á excelencia educativa, outorgado por CECE-Galicia, ao Colexio Plurilingüe Santiago Apóstol (Ponteareas)

Román Rodríguez participou hoxe na XV xornada desta federación, onde tamén se entregou o VII Premio José Manuel Álvarez de Liberdade de Ensinanza

Sáb, 04/06/2016 - 16:30
O conselleiro de Cultura e Educación entrega o recoñecemento á excelencia educativa, outorgado por CECE-Galicia, ao Colexio Plurilingüe Santiago Apóstol (Ponteareas)

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe no acto de peche da XV Xornada de CECE-Galicia, no que tamén estiveron presentes o presidente da Federación Autonómica de Centros de Ensino Privado (CECE-Galicia), Alfonso García Sanmartín; así como o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal.

A xornada iniciouse cun relatorio sobre a gamificación educativa, unha técnica para aplicar a mecánica e o desenvolvemento dos xogos ao ensino e aprendizaxe. Así mesmo, entre outros asuntos, ao longo da mañá abordáronse cuestións como o traballo por proxectos, os Plans de Convivencia nos centros ou a mediación en conflitos.

Ao remate, o conselleiro entregou o Recoñecemento á Excelencia Educativa, que foi para o Colexio Plurilingüe Santiago Apóstol (Ponteareas), outorgado por esta federación. Na súa intervención Román Rodríguez felicitou a este centro polo galardón, que recolleu o actual director, Gregorio Amoedo, e lembrou á finada directora do centro, Pilar Domingo García, á que se lle rendía homenaxe neste acto. “Ela foi unha clara mostra de implicación coa docencia - dixo-. A súa vontade loitadora, que permaneceu aínda nos momentos máis duros, segue a ser un exemplo e un acicate para todos nós”.

Román Rodríguez quixo ademais agradecer aos presentes “o voso esforzo como educadores, á vosa entrega para dar a mellor formación académica e humana ás novas xeracións, o futuro da nosa terra”.

No marco deste acto entregouse, así mesmo o VII Premio José Manuel Álvarez de Liberdade de Ensinanza, que recaeu en José Antonio Moar Armas, xefe de estudos do Liceo La Paz (A Coruña) e ex presidente de CECE-Galicia.