Educación resolve a convocatoria de apoio a Clubs de Lectura en 200 centros de ensino secundario

Distribúense un total de 130.000 euros entre os centros educativos seleccionados, en axudas que se destinarán a sufragar os gastos derivados das actividades prevista ao longo do curso 2010-2011
Xov, 23/12/2010 - 15:15

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ven de resolver a convocatoria de Clubs de lectura que beneficia ás bibliotecas de douscentos centros educativos galegos de educación secundaria, bacharelato, e formación profesional ou ensinanzas de réxime especial.

A través deste incentivo da dirección xeral de Centros e Recursos Humanos os centros seleccionados poderán sufragar os gastos derivados das distintas actividades programadas no curso 2010/2011, con axudas por un valor total de preto de 130.000 a repartir entre os seleccionados en partidas de 400 a 1.000 euros. Os beneficiados serán 77 centros da provincia da Coruña, 29 de Lugo, 26 de Ourense e 68 de Pontevedra.

Os obxectivos dos clubes

A finalidade destas axudas e a de apoiar os clubs de lectura cuxo principal obxectivo é promover a participación dos estudantes para que compartan as súas experiencias lectoras coa mediación dun adulto que conduza o proceso, sempre fóra do horario lectivo. Para o desenvolvemento destas actividades os centros apóianse en distintos elementos de información e comunicación, as chamadas ferramentas da web 2.0, entre os que se inclúen blogues ou foros que axudan á difusións das propostas entre a comunidade educativa. Nestes clubs de lectura participa alumnado, profesorado e, en varios centros, tamén pais, nais e persoal non docente. Son puntos de encontro entre os diversos sectores da comunidade educativa arredor dos libros e da lectura. Calcúlase que unhas cinco mil persoas participan nesta iniciativa nos distintos centros de ensino secundario repartidos por toda Galicia.

O alumnado que participa nos Clubs de Lectura, ademais de compartir a súa experiencia lectora e mellorar o coñecemento das obras literarias lidas, desenvolve habilidades que reforzan a súa competencia lingüística, tales como estratexias para a lectura comprensiva, autonomía na selección de lecturas, capacidade de argumentación e de expresión oral. Os clubs de lectura son espazos para a adquisición de competencias avanzadas de lectura, tan necesarias na actual sociedade da información. O feito de que moitos destes clubs conten cun blog a través do que difunden as súas actividades e amplían as informacións que comparten, favorece tamén a mellora das competencias dixitais.

Recoñecemento ao traballo nas Bibliotecas

O traballo levado a cabo polas bibliotecas dos centros escolares galegos apoiados pola Consellería de Educación vense recompensados a través de distintos recoñecementos. O último foi acadado por oito centros escolares que foron premiados hai poucos días no ‘Concurso Nacional de Buenas Prácticas para la dinamización e innovación de las bibliotecas de centros escolares 2010’, organizado polo Ministerio de Educación, e que recoñece o traballo daqueles colexios e institutos que desenvolven diferentes iniciativas para que as súas bibliotecas sexan espazos dinámicos que actúen como recurso didáctico e integrador para a mellora da calidade do ensino.

Galicia é así a Comunidade Autónoma do Estado con máis bibliotecas galardoadas neste certame, o que dá mostra do éxito que están a ter as diferentes medidas para o fomento da lectura e a dinamización destes espazos que está a desenvolver a Consellería de Educación, con programas como ‘Hora de Ler’ - con iniciativas coma a dos clubs de lectura, as mochilas viaxeiras ou o concurso de lectura en voz alta ‘Ler e escoitar’-, ou o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, no que están integrados neste curso 2010/2011 un total de 374 centros.

Cómpre recordar que os Clubs de lectura están incluídos dentro do programa da Consellería ‘Hora de leer’ que ten como finalidade o fomento da lectura nos centros de ensino. Ao mesmo tempo este programa é unha das liñas estratéxicas do PLAN LÍA 2010-2015 que ten como obxectivo traballar para continuar mellorando a calidade das bibliotecas escolares e dotalas de recursos tanto técnicos como humanos e explotar ao máximo o seu potencial.