Cultura e Educación aborda as avaliacións de terceiro e sexto de primaria e a convivencia escolar en senllas xuntanzas cos directores e inspectores educativos

O Mupega acolleu hoxe a Xunta Autonómica de Directores de centros de ensino non universitario e a II Xornada de Inspección Educativa, nas que se trataron os principais asuntos do curso actual

Mér, 27/04/2016 - 18:05
Cultura e Educación aborda as avaliacións de terceiro e sexto de primaria e a convivencia escolar en senllas xuntanzas cos directores e inspectores educativos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria abordou hoxe cos inspectores educativos e a Xunta Autonómica de Directores os principais asuntos do curso actual, con especial atención ás avaliacións de 3º e de 6º de Primaria, previstas para o 24 e 25 de maio e para os días 11, 12 e 13 dese mesmo mes, respectivamente.

Tal e como se lle transmitiu aos participantes en senllos encontros, celebrados no Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), os resultados das ditas probas son de uso interno dos docentes, dos alumnos e dos seus pais e titores, polo que en ningún caso se establecerán ránkings de centros. Trátase, en definitiva, de avaliacións individualizadas de carácter informativo e orientador para o alumnado, para os centros, para as familias e para a Administración educativa; e tamén probas diagnósticas cuxos resultados permitirán mellorar os procesos de docencia e de aprendizaxe.

Outro dos puntos comúns na orde do día de ámbalas dúas xuntanzas –ás que asistiron o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; o director xeral de Educación, Manuel Corredoira; e o director xeral de Centros, José Manuel Pinal– foi a Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020, así como algúns dos protocolos nados ao seu abeiro, o de Protección de Datos e o Protocolo de tratamento educativo do alumnado con trastorno do espectro do autismo (TEA).

Novidades en FP

Así mesmo, na II Xornada de Inspección Educativa tamén se trataron as novidades da normativa referente á Formación Profesional, introducidas coa implantación da Lomce, así como as diferentes accións de fomento do emprendemento nesta ensinanza.

Pola súa banda, na Xunta Autonómica de Directores de centros de ensino non universitario deuse conta da dotación de auxiliares administrativos aos CEIPs de máis de 350 alumnos, unha medida coa que se busca facilitar o desenvolvemento administrativo diario dos centros e axilizar os trámites habituais. Así mesmo, tratáronse as instrucións de comedores e transporte para o vindeiro curso e respondeuse a todas as preguntas dos directores ao respecto das avaliacións de 3º e 6º de Primaria. 

A maiores, tamén se abordou a contratación centralizada de gasóleo para a calefacción nos centros. Neste sentido cómpre lembrar que hoxe rematou o prazo de presentación de ofertas ao anuncio de licitación publicado pola Consellería para a contratación do subministro de combustible a 884 centros educativos de toda a comunidade galega, ao que se destina  case 5,2 millóns de euros. O aforro mínimo previsto nesta contratación sería de 299.357,25 €, que podería incrementarse na fase de realización dos encargos.