O conselleiro de Educación destaca a importancia da competencia lectora para o desenvolvemento académico do alumnado na última sesión do concurso ‘Ler e Escoitar’

Xesús Vázquez Abad entregou os premios deste certame de lectura en voz alta, ao que se presentaron 123 centros educativos de toda Galicia
Xov, 16/12/2010 - 18:05
Xesús Vázquez na entrega de premios
Xesús Vázquez na entrega de premios

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, destacou hoxe a importancia de que o alumando dispoña dunha competencia lectora avanzada, para o seu desenvolvemento académico, persoal e social. No marco da última sesión do concurso ‘Ler e Escoitar’, celebrada no Conservatorio Profesional de Música de Santiago, Vázquez Abad explicou que “a lectura é a chave que lles vai axudar a construír o seu coñecemento”, polo que, engadiu “o gusto pola lectura é unha das mellores ensinanzas que lles podemos transmitir, a través do noso exemplo, principalmente, como lectores; pero tamén a través da creación de espazos e tempos nos que ler e achegarse á cultura sexa máis doado”. De feito, a Consellería organizou este ano por primeira vez este certame como vía para fomentar a comprensión e a competencia lectora do alumnado galego, elementos fundamentais para o éxito escolar.

O conselleiro valorou ademais moi positivamente a participación nesta primeira convocatoria dun certame que tiña como finalidade estimular a práctica da lectura expresiva e apoiar as iniciativas do profesorado neste ámbito. “Á vista dos vídeos presentados á fase autonómica –dixo- os rapaces e rapazas dos centros participantes amosan habilidades significativas para a lectura en voz alta, o que se considera moi positivo”.

Así mesmo, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia agradeceu a familias e docentes a súa colaboración para por motivar con iniciativas deste tipo a adquisición de competencias de lectura e na formación destes novos lectores.

Os premiados

Foron 49 rapazas e rapaces do 3º ciclo de Primaria e dos dous primeiros cursos da Educación Secundaria Obrigatoria os que hoxe participaron na sesión final desta convocatoria do I Concurso de Lectura en voz alta, baixo o lema ‘Ler e Escoitar’, celebrado co gallo do ‘2010 o Ano do Libro e da Lectura de Galicia’, e dentro das actividades do programa Hora de ler, de fomento da lectura no contexto educativo.

Finalmente, na categoría para terceiro ciclo de Primaria, na modalidade individual, Antía Piñeiro (CEIP de Portosín, de Porto do Son, A Coruña), co 1º premio; e co 2º Borja Núñez (CEIP Anexa, de Lugo). Na modalidade grupal obtiveron de Primaria quedaron no 1º posto Sergio Romero, Xiana Alonso, Mª Olivia Pérez e Anxo González (CEIP Mestre Valverde, de Mos, Pontevedra); e no 2º Tania Campello, Eva Fernández, Marta Rocha, Sabela Salgueiro e Margarita Vidal (CEIP Lagostelle, de Guitiriz, Lugo).

Respecto da categoría na que participou o alumnado de primeiro ciclo da ESO, Janette Freire (IES Pedregal de Irimia, de Meira, Lugo) obtivo o 1º premio na modalidade individual; mentres que Clara Domínguez (IES Sánchez Cantón, de Pontevedra) obtivo o 2º. Por grupo, as alumnas e alumnos da ESO premiados foron Iria Álvarez, Esther Álvarez, María García, Luis Valencia e Tamar Rodríguez (IES Eduardo Blanco Amor, de Ourense) no 1º posto; e Blanca Costas, Mar Rodríguez, Carla Rodríguez e María Sánchez (IES Pedras Rubias, de Salceda de Caselas, Pontevedra) no 2º lugar.

Ademais, na provincia da Coruña foron finalistas, ademais dos alumnas e alumnos galardoados, os do CPI dos Dices-Rois, CEIP María Pita, CPI As Revoltas (Cabana de Bergantiños), IES David Buján (Cambre), e IES Pontepedriña (Santiago de Compostela); e da provincia de Lugo estiveron entre os finalistas os estudantes do CEIP Rosalía de Castro (Lugo), o IES Fontem Albei (A Fonsagrada), e o IES Pedregal de Irimia (Meira). Pola provincia de Ourense participou na final o IES Blanco Amor; e pola de Pontevedra o CEIP Serra de Vincios (Gondomar), CEIP Frián-Teis (Vigo) e IES Sánchez Cantón.

Todos os lectores e lectoras participantes nesta sesión final recibiron cadanseus lotes de libros para a súa biblioteca persoal. Os centros dos que proceda o alumnado gañador recibirán, á súa vez, unha asignación para a biblioteca do centro.

Lectura en voz alta

En total, 123 centros participaron na fase autonómica, con representación, a meirande parte deles, nas modalidades individual e de grupo. Ao longo das distintas fases do certame, os participantes amosaron as súas habilidades a través da lectura en voz alta de dous textos de entre 4 e 6 minutos de duración, ben de forma individual, ben en grupo. O xurado do concurso elixiu un primeiro e un segundo premio por cada categoría e modalidade valorando aspectos como articulación, fluidez, ritmo, expresividade, volume, dominio da linguaxe verbal, e tamén da linguaxe corporal, á hora de ler os textos.

Coa convocatoria deste concurso a Consellería de Educación quere incentivar as actividades para o fomento da lectura no contexto escolar, no marco do seu compromiso de acadar óptimas competencias lectoras en todos os escolares como así ven facendo a través de iniciativas como o Plan LÍA, dotando de recursos ás bibliotecas escolares e adaptando os recursos informativos ás novas necesidades da sociedade da información.

Este proxecto responde ademais á necesidade de dedicar unha parte da actividade da Xunta de Galicia a pór de relevo o recoñecemento do libro como instrumento para a promoción e a divulgación da cultura, historia e lingua galega, como así se estableceu para o presente ano declarado Ano do Libro e da Lectura de Galicia.