O conselleiro de Cultura e Educación anuncia para este mesmo verán as obras de ampliación do IES de Teis para dar resposta ás necesidades de crecemento da formación profesional

O obxectivo é mellorar as instalacións do centro para a súa adaptación á nova FP Básica e aos ciclos formativos de 2.000 horas
Mar, 19/04/2016 - 11:45
O conselleiro de Cultura e Educación anuncia para este mesmo verán as obras de ampliación do IES de Teis
O conselleiro de Cultura e Educación anuncia para este mesmo verán as obras de ampliación do IES de Teis

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou esta mañá que a ampliación do IES de Teis (Vigo) se realizará este mesmo verán. Neste sentido lembrou que os seu departamento ten previsto investir máis de 1,7 millóns de euros nesta obra, que ten como obxectivo mellorar as instalacións do centro dedicadas aos ciclos formativos, especialmente no que atinxe á implantación da FP Básica e dos ciclos formativos de 2.000 horas, dando resposta ás necesidades de crecemento que está a experimentar a Formación Profesional.

Román Rodríguez salientou que este IES é un centro de referencia na cidade da oliveira nas familias profesionais de Imaxe Persoal e Informática e Comunicacións, ofertando case o 100% dos ciclos existentes na nosa Comunidade nesas dúas familias profesionais.

Durante o seu percorrido polo centro o conselleiro estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves; e polo xefe territorial da Consellería na provincia, César Péres Ares.

Case 1.200 metros cadrados máis

As obras suporán a ampliación de 1.179,60 m² distribuídos en planta semisoto, acceso e alta. Na planta semisoto situaranse os talleres de estética, aula polivalente de estética, departamento e vestíbulo para os ciclos de perruquería e estética. Na planta de acceso crearanse tres aulas polivalente, un almacén de tecnoloxía con aula adxunta,  unha aula de pedagoxía terapéutica, e 2 aulas de diversificación. Finalmente o andar superior acollerá o laboratorio taller de informática – dividido en tres partes-  e o departamento.

A actuación completarase coa mellora da instalación de protección contra incendios e o redimensionamento da instalación de calefacción. Segundo explicou o conselleiro, en vindeiras datas licitaranse as obras para que poidan comezarse en verán e estar rematadas antes de final de ano.

CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao

O conselleiro de Cultura e Educación lembrou que o seu departamento vai iniciar este mesmo ano os trámites para a ampliación do CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao, na parroquia viguesa de Navia. A este respecto instou ao Consello a remitir a documentación necesaria para asinar canto antes o acordo de posta a disposición dos terreos, unha información pola que a Consellería leva agardando 2 meses.

A actuación neste CEIP permitirá ampliar a súa capacidade de unha liña por curso escolar a 3, co fin de dar resposta ao incremento do alumnado do centro en máis dun 25% nestes 5 últimos anos e a previsión de crecemento futuro. Polo tanto, crearanse 450 novas prazas escolares, cun orzamento de case 3,7 millóns de euros.

A obra suporá a demolición da cuberta para posibilitar a ampliación do edificio existente en 1.434,90 m² para 11 aulas – 9 deles polivalentes, 1 de música e outra de informática-  de educación primaria e 7 de apoio. Por outra banda construirase un novo módulo independente de educación infantil, con 9 aulas con aseos incorporados, sala polivalente, 3 aulas de desdobre, espazos comúns e instalacións.

En canto se asine o acordo de posta a disposición dos terreos por parte do Concello a Consellería licitará a redacción do proxecto, un trámite que xa podería terse realizado se xa se contase coa documentación solicitada ao Concello hai 2 meses. O obxectivo é que o proxecto estea listo para o inicio do novo curso e as obras poidan licitarse antes de fin de ano.