Román Rodríguez anima a fortalecer os vínculos entre os centros educativos e os sectores produtivos galegos para mellorar a formación e a competitividade do alumnado
O conselleiro de Cultura e Educación inaugurou hoxe as Xornadas dedicadas á Industria Conserveira, organizadas polo CIFP Coroso, onde aproveitou tamén para visitar o viveiro de empresa do centro
O titular do departamento educativo da Xunta tamén se achegou ata o centro da Asociación de Familias de Persoas con Discapacidade Psíquica das Comarcas do Barbanza e Noia ‘AMICOS’ e ata o Museo do Gravado
Lun, 11/04/2016 - 13:57
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, inaugurou hoxe as Xornadas dedicadas á Industria Conserveira organizadas polo CIFP Coroso de Ribeira
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, inaugurou hoxe as Xornadas dedicadas á Industria Conserveira organizadas polo CIFP Coroso de Ribeira

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, inaugurou hoxe as Xornadas dedicadas á Industria Conserveira organizadas polo CIFP Coroso de Ribeira, onde reivindicou a necesidade de organizar actos coma este para fortalecer os nexos de unión entre os centros educativos e os sectores produtivos do país. “Estamos –en palabras do conselleiro– nun centro de referencia, cunha oferta educativa moi vencellada ao entorno”.

Tal e como destacou, unha Formación Profesional intimamente vinculada á realidade social redundará nunha mellora da formación e da competitividade do alumnado no actual mercado global. En concreto, nestas xornadas abordarase o uso das algas na industria alimentaria, “un recurso endóxeno ao que, se lle aplicamos innovación, pode ser un fantástico recurso económico”, explicou.    

Con motivo da súa presenza no centro, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia visitou o viveiro de empresa, posto en marcha este ano co obxectivo de estimular o espírito emprendedor do alumnado e, en consecuencia, mellorar a súa inserción no futuro mercado laboral. Actualmente hai un total de 19 viveiros de empresa nos centros educativos de Galicia.

Obra de ampliación rematada

Neste contexto, cómpre lembrar a obra de ampliación realizada o ano pasado neste centro, dotada cun investimento superior aos 550.000 euros. O novo volume, rematado no mes de decembro e en funcionamento desde principios deste ano, alberga dous talleres e aseos, así como un pequeno almacén. Trátase dunha nave pensada para os alumnos e alumnas de FP Básica do centro, en concreto para os de FP Básica de Mantemento de Vehículos.     

Con esta actuación, a Consellería reafirma a súa aposta decidida pola Formación Profesional e as súas diferentes modalidades, como fórmula para combater o desemprego xuvenil, mellorar a cualificación dos nosos mozos e mozas e fomentar o emprendemento desde idades temperáns. “A FP –remarcou o conselleiro– é unha das grandes oportunidades do futuro”.  

Colaboración con ‘AMICOS’

Ademais, Román Rodríguez tamén se achegou ata o Centro de Educación Especial AMICOS, dependente da Asociación de Familias de Persoas con Discapacidade Psíquica das Comarcas do Barbanza e Noia ‘AMICOS’, coa que a Consellería ten asinado un convenio de colaboración para apoiar o servizo de transporte escolar adaptado que presta esta entidade a un total de 18 alumnos e alumnas.

 

Deste xeito, o conselleiro e os responsables da dita asociación, así como do centro, valoraron o traballo conxunto e analizaron as próximas colaboracións entre ambas as dúas entidades, tendo en conta que ‘AMICOS’ solicitou o concerto educativo.

Museo galego que máis exporta

Por outro lado, tamén visitou o Museo do Gravado á Estampa Dixital, especializado en arte gráfica antiga e contemporánea. Esta iniciativa singular do rural abriu as súas portas en outubro de 2001 e hoxe é xa o museo galego que máis obras exporta.

As obras que posúe abranguen desde o século XV á actualidade, e entre os artistas gravadores representados están Goya, Rubens, Van Dyck, Toulouse-Lautrec, Saura, Ricardo Baroja, Eberhard Schlotter, Dalí, Alberti ou Picasso.