Convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 8 de abril de 2016, referida ao proxecto piloto "Escornabots na biblioteca escolar"

Lun, 11/04/2016 - 12:39

Xúntase convocatoria de 8 de abril, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, no contexto do Plan LÍA de bibliotecas escolares (Lectura, Información, Aprendizaxe), do proxecto piloto "Escornabots na biblioteca escolar", para a introdución dos robots e da linguaxe de programación nas bibliotecas escolares dos centros que matriculan alumnado de educación infantil e primaria, integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares, para o ano 2016.

Con esta nova inciativa preténdese estimular a iniciación do alumnado de infantil e primaria no campo da robótica e na linguaxe de programación a través de actividades manipulativas e outras,  programadas desde a biblioteca escolar, mediante a utilización de pequenos robots, os Escornabots, deseñados dentro dun proxecto de hardware libre, cunha evolución aberta á comunidade. Búscase, así mesmo, ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple, a aprendizaxe manipulativa, o xogo, a investigación e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado.

Poderán presentar a súa solicitude centros públicos con alumnado de ensinanza infantil e primaria integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares no presente curso 2015/2016.

  • O prazo de presentación de solicitudes remata o 25 de abril de 2016.