Cultura e Educación investirá 21.000 euros para eliminar as filtracións de auga e mellorar a carpintería metálica do CEIP San Xoán Bautista de Cerdedo

Román Rodríguez visitou esta mañá o centro, onde sinalou que o seu departamento mantén unha fluída relación co Concello no referido á mellora dos centros de ensino
Mar, 15/03/2016 - 13:44
Román Rodríguez visitou esta mañá o centro
Román Rodríguez visitou esta mañá o centro

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria investirá arredor de 21.000 euros no CEIP San Xoán Bautista de Cerdedo co fin de eliminar as filtracións de auga desde a cuberta que sofre o centro, provocadas por problemas na impermeabilización exterior e nos canlóns; así como de renovar a carpintería metálica. Así o anunciou esta mañá o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, que se desprazou ata o colexio para coñecer de preto o estado das instalacións, así como os detalles da reforma.  

En concreto, a zona onde se produce a filtración coincide baixo unha das baixantes da cuberta superior. Neste sentido, levantarase a impermeabilización exterior na zona de entrada de auga e colocarase unha nova. Tamén se repararán os canlóns, selando as xuntas entre os diferentes tramos e substituíndo así o selado actual, moi deteriorado. Así mesmo, cambiaranse as baixantes de PVC por outras de chapa de aluminio con maior diámetro e incluso se instalará algunha máis para mellorar a evacuación das augas pluviais.

Tal e como explicou o conselleiro, a obra referida aos canlóns está xa adxudicada e porase en marcha nas vindeiras semanas, mentres que a de renovación da carpintería metálica se realizará ao longo deste curso. Así mesmo, explicou que a Consellería mantén unha fluída relación co Concello para colaborar na mellora dos centros educativos da localidade, o que en breve podería traducirse en novas actuacións, segundo ambas as administracións determinen.

Actuacións nos centros de Cotobade

Ademais, Román Rodríguez lembrou outras actuacións que o seu departamento está levando a cabo en dous centros Cotobade. No CEIP de Carballedo estase, actualmente, realizando traballos por un importe de preto de 10.000 euros co obxectivo de conectar o saneamento do centro á rede municipal e eliminar a fosa séptica existente. Dentro desta obra tamén se inclúe a anulación, desgasificación, tratamento de residuos e tapado do antigo depósito de combustible de calefacción.

Por outra banda, no CEIP Tenorio reconstruirase o muro de contención –cuxa obra conta cun presuposto que oscila entre os 30.000 e os 35.000 euros– unha vez remate o curso escolar.