Catro centros educativos galegos resultaron galardoados cos Premios de Calidade e Innovación en Formación Profesional outorgados polo Ministerio

Os IES Punta Candieira e Xoán Montes e o CIFP As Mercedes acadaron o primeiro premio por un proxecto conxunto, mentres que o IES Escolas Proval recibiu o terceiro premio
O director xeral de Educación, FP e Innovación educativa participou no acto de entrega dos recoñecementos
Xov, 10/03/2016 - 15:46
Catro centros educativos galegos resultaron galardoados cos Premios de Calidade e Innovación en Formación Profesional outorgados polo Ministerio
Catro centros educativos galegos resultaron galardoados cos Premios de Calidade e Innovación en Formación Profesional outorgados polo Ministerio

O director xeral de Educación, FP e Innovación educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Manuel Corredoira, participou esta mañá no acto de entrega dos Premios á Calidade e Innovación en Orientación e en Formación Profesional outorgados polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte. Os galardóns foron entregados polo ministro Íñigo Méndez de Vigo.

O primeiro premio foi para o equipo conformado polos IES Punta Candieira (Cedeira), IES Xoán Montes (Lugo) e CIFP As Mercedes (Lugo) que presentaron un proxecto conxunto sobre rehabilitación enerxética de edificios públicos.

Pola súa parte, o IES Escolas Proval (Nigrán) recolleu o terceiro premio por un proxecto denominado ‘Videorockola’, de creación dun aparato de reprodución de música e vídeo a demanda con pantalla táctil.

O obxecto destes galardóns é recoñecer actuacións exemplares de innovación e experimentación en orientación e en formación profesional, de forma que estas boas prácticas sirvan de modelo e inspiración a outros centros de ensino. Deste xeito búscase estimular a iniciativa de profesorado, alumnado, centros e das empresas, no que supón un recoñecemento do traballo colaborativo, do espírito emprendendor e da innovación na FP.