A Consellería de Cultura e Educación e a Fundación Secretariado Xitano colaborarán para favorecer a permanencia deste alumnado no sistema educativo
O conselleiro e o director da Fundación asinaron hoxe un convenio de cooperación educativa para compensar as desigualdades respecto desta poboación no ensino
Lun, 07/03/2016 - 13:24
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o director da Fundación Secretariado Xitano, Isidro Juan Rodríguez Hernández, asinaron hoxe un convenio
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o director da Fundación Secretariado Xitano, Isidro Juan Rodríguez Hernández, asinaron hoxe un convenio

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o director da Fundación Secretariado Xitano, Isidro Juan Rodríguez Hernández, asinaron hoxe un convenio de cooperación educativa para favorecer o acceso e a permanencia da poboación xitana na formación regulada e o impulso de actuacións que compensen as desigualdades existentes no ámbito da formación básica e permanente desa poboación. As persoas beneficiarias da colaboración prevista neste convenio serán as familias xitanas que presenten maiores dificultades no acceso e permanencia no sistema educativo, así como en aspectos relacionados coa súa formación, especialmente no relativo ao absentismo escolar e ao abandono temperán dos estudos.

No marco deste convenio desenvolveranse diferentes accións de compensación educativa complementarias ás que xa realizan os centros docentes. Neste contexto, afondarase no desenvolvemento do Programa Promociona de apoio e orientación educativa para mozos e mozas xitanos e as súas familias desenvolvido pola FSX no marco dos Programas Operativos de Loita contra a Discriminación do Fondo Social Europeo, que ten como principal obxectivo que o alumnado xitano finalice con éxito a Educación Secundaria Obrigatoria e acceda á Educación Postobrigatoria.

Así mesmo, ambas as entidades colaborarán na elaboración de estudos e investigacións da situación educativa do alumnado xitano que permitan valorar os avances e as dificultades de forma periódica, cun especial interese nas etapas de educación obrigatoria, así como unha análise das dificultades de acceso da poboación xitana á formación profesional ou ocupacional e á formación básica de persoas adultas. O obxectivo é minorar os problemas que estas eivas supoñen á hora da incorporación ao mercado laboral, promovendo a través destas medidas a inserción destas persoas no mundo do traballo.

Sensibilización

De forma paralela, a Consellería apoiará a Secretariado Xitano no desenvolvemento de estratexias de sensibilización e accións de carácter integral e innovador dirixidas ao alumnado, familias, profesionais da educación e outros axentes implicados, que permitan reducir o abandono escolar temperán na comunidade xitana. Para iso, promoverase a difusión de materiais e documentos que  permitan un maior coñecemento das circunstancias específicas asociadas ao alumnado xitano no eido educativo, así como dos informes elaborados en colaboración con outras administracións.

Con este acordo a Consellería afonda no seu compromiso de promover desde o ensino todos aqueles valores inherentes ao principio de igualdade de trato e non-discriminación por calquera condición ou circunstancia persoal ou social. Neste sentido cómpre lembrar que se está desenvolvendo unha ampla política de colaboración con moi diversas entidades en prol da atención á diversidade do alumnado con diferentes necesidades específicas ao tempo que, no marco da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020 ‘educonvives.gal’, se está promovendo a mellora da convivencia nas aulas.