O conselleiro de Educación asiste á presentación da Asociación de persoas con discapacidade de Ourense

A entidade desenvolve programas nas áreas de emprego con apoio; autonomía e ocio e tempo libre

Xov, 09/12/2010 - 19:35

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe pola tarde ao acto de inauguración da Asociación de Discapacitados de Ourense (ADO), situado na cidade de Ourense.

Durante a súa intervención no acto o conselleiro destacou a importancia desta asociación, das que dixo que “sodes, para todos nós, un talismán de inestimable valor: un exemplo a imitar”, ao que engadiu que “en persoas coma vós, en iniciativas como as que impulsades, está a semente dun futuro mellor para todos. Un futuro sen marxinacións, sen complexos e, sobre todo, sen medo ao progreso das liberdades máis profundamente humanas de cantas poidan abrazar a causa da solidariedade universal“.

Vázquez Abad sinalou que “para os que temos responsabilidades de Goberno nos ámbitos educativos, todos os nosos afáns, todos os nosos soños se encamiñan a través dun único sendeiro: desterrar e eliminar do noso vocabulario a palabra ‘discapacidade’ e substituíla por outra ben distinta: ‘Capacidade’. Capacidade plena para acceder a un posto de traballo, sen coutos excluíntes nin privacións”.

Cómpre recordar que ADO  conta con 16 beneficiarios na actualidade e ten por obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual, potenciando o máximo desenvolvemento das súas capacidades individuais e favorecendo a plena integración familiar, social, escolar, cultural e laboral.

Os obxectivos de ADO

Deste xeito a entidade leva a cabo accións a prol dos afectados nas áreas de traballo con apoio, programas de habilidades sociais e laborais, de lecto- escritura, ou talleres formativos para profesionais da educación. Por outra banda, na área de autonomía, traballan na mellora das accións domésticas ou de autonomía persoal. Ademais, nas áreas de ocio e tempo libre, traballan en teatro, musico terapia relaxación-ioga, bailes latinos e saídas de fin de semana. O traballo desenvolvido nos tres apartados permite dar unha maior autonomía ás persoas afectadas, ao tempo que lles dá unha base para enfrontarse ao día a día.

Na inauguración deste local os membros de ADO aproveitaron para recordar que é importante que a intervención nestes casos sexa o máis pronta posible, e que non esta destinada só aos afectados por unha discapacidade, senón tamén ao seu círculo próximo e que non se debe esquecer a importancia de sentar as bases para o desenvolvemento do día a día e no futuro dos afectados.

Xunto ao conselleiro no acto estivo presente o presidenta de ADO, Elvira Ramos Salgado; o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez; entre outros representantes da vida política e social da cidade e da provincia de Ourense.