O secretario xeral de Política Lingüística participa no acto de entrega do ‘Premio Manuel Beiras’ ao recoñecemento do uso do galego no sector empresarial

A libraría Lila de Lilith, a cooperativa gráfica Sacaúntos e a empresa de desenvolvemento de sofware Imaxin Software, premiados desta XVI edición
Valentín García destacou a importancia do premio Manuel Beiras para visibilizar o emprego do galego nun ámbito determinante para o prestixio e o uso da lingua galega como é o da empresa
Xov, 17/12/2015 - 21:00

A XVI edición da entrega do ‘Premio Manuel Beiras’ ao recoñecemento ao uso do galego no tecido empresarial tivo lugar este xoves na Cámara de Comercio da capital galega, nun acto presidido polo alcalde da cidade, Martiño Noriega, que estivo acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e polo presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey.

Desde hai anos, a Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago e o Concello compostelán convocan o ‘Premio Manuel Beiras’ para recoñeceren o esforzo normalizador de compañías, entidades e persoas comprometidas no uso público da lingua galega no sector empresarial, e tamén lembrar a figura dun histórico comerciante compostelán, loitador na defensa da lingua e da cultura galegas.

O secretario xeral de Política Lingüística valorou o papel deste tipo de premios porque “permiten apoiar aquelas empresas que usan o galego e presentalas como exemplo para outros emprendedores que queren abrir ou renovar os seus negocios, amosando a súa opción lingüística, non só como factible, senón como exitosa”. Valentín García indicou que o uso empresarial dota a lingua galega de prestixio e de valor no mercado de traballo, o que acaba tendo influencia en esferas tan sensibles como a transmisión interxeracional da lingua, pois os pais e nais galegofalantes perciben mellor a utilidade de educaren no seu idioma. “Por este motivo”, lembrou García, “a Xunta de Galicia ten en marcha un Plan de Dinamización no Tecido Económico que se está elaborando en colaboración co sector implicado, co fin de asegurar a súa adecuación e a súa óptima recepción”.

Lila de Lilith, Sacaúntos e Imaxin Software, premiados

O primeiro premiado, na categoría de novas incorporacións ao uso da lingua galega, foi a libraría de mulleres Lila de Lilith. Aberta no outono de 2011 na zona vella de Santiago de Compostela, provén dun proxecto con máis  de 15 anos de andaina enfocado na igualdade desde a educación. Trátase dun espazo feminista que achega bibliografía de mulleres autora, en áreas como a economía, a saúde, a sexualidade, a historia, etc. Ademais dos lanzamentos de libros, música, teatro etc., programa cursos e actividades.

O galardón na categoría de empresas cun uso continuado do galego correspondeulle desta volta á cooperativa gráfica Sacaúntos. Emprazada no barrio de Vista Alegre, ofrece servizos de deseño gráfico, deseño web, editorial, ilustración e impresións en grande e pequeno formato. A empresa ofrece tamén servizos editoriais, como a corrección, tradución e maquetación de materiais.

A mención especial foi para a firma Imaxin Software, que -desde o compostelán barrio de Salgueiriños- é coñecida pola creación do tradutor Gaio da Xunta de Galicia e do corrector ortográfico 2.Mil3 para Microsoft Word, o que a converte na única empresa galega que desenvolve software directamente para esta multinacional estadounidense. Fundada en 1997 por cinco estudantes da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, a maior parte do traballo da empresa está vinculado coa lingua e coa cultura galegas.

O recoñecemento

O galardón ten un contido simbólico e non supón prestación económica ningunha. O motivo de premiar as empresas radica en que son ‘un sector económico de capital importancia para conseguir a normalización do idioma na vida cotiá’, sinalan desde a Cámara de Comercio. Os galardoados recibiron como recoñecemento unha escultura de Acisclo Manzano, deseñada en exclusiva para estes premios. As empresas e comercios elixidos poderán amosar a obra nos seus establecementos como unha garantía máis de que respectan a lingua propia de Galicia.