Cultura e Educación e a Asociación B.A.T.A. para o tratamento do autismo colaboran na mellora da atención educativa a este alumnado

O conselleiro Román Rodríguez e o presidente da entidade, Fausto García, asinaron un convenio no que tamén se recollen accións para a formación do profesorado e para o asesoramento das familias

Mér, 09/12/2015 - 13:25

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Asociación B.A.T.A. (Baión, para o tratamento do autismo)  de Vilagarcía, reforzan a súa colaboración para mellorar a atención educativa ao alumnado con Trastorno do Espectro do Autismo ou calquera outro síndrome ou trastorno relacionado co TEA.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o presidente de B.A.T.A., Fausto García, asinaron hoxe un convenio coa finalidade de sumar esforzos tanto no que se refire á atención aos alumnos e alumnas con esta problemática coma no eido de formación do profesorado e do asesoramento e atención ás familias de rapaces e rapazas con Trastorno do Espectro Autista (TEA). No acto tamén participou o director xeral de Educación, Manuel Corredoira.

Entre os compromisos acadados, a Consellería promoverá -en colaboración con esta entidade- a formación permanente do profesorado que atende ao alumnado con este trastorno. Ambas institucións tamén colaborarán na sensibilización e na difusión de materiais e documentos que permitan un maior coñecemento das circunstancias asociadas ao TEA no eido educativo.

Para tal fin, o departamento educativo da Xunta facilitará que os profesionais Asociación poñan os seus coñecementos a disposición dos centros docentes. É dicir, que presten asesoramento na atención educativa dos alumnos con Trastorno do Espectro do Autismo, que orienten sobre metodoloxías axeitas no caso destes alumnos, e sobre as adaptacións curriculares que se estimen necesarias.

Non obstante, tendo en conta a autonomía pedagóxica, organizativa e de xestión dos centros docentes, será a dirección do centro, o persoal especializado da Federación e as familias de alumnado con TEA quen establezan os termos específicos de colaboración para cada centro concreto. Deste xeito, o profesorado titor (ou o que designe a dirección do centro) será o responsable de coordinar as posibles actuacións concretas das persoas especialistas de B.A.T.A. en cada un dos casos, así como de manter informada a cada unha das familias. Por tanto, tal como se especifica no convenio, a actuación dos profesionais da Asociación nos centros docentes estarán baseados no principio do colaboración entre todas as persoas que atenden a un mesmo alumno ou alumna.