A Consellería de Cultura e Educación e UNICEF cooperarán na promoción e difusión dos dereitos da infancia nos centros de ensino

O conselleiro e a presidenta da entidade en Galicia asinaron hoxe un convenio de colaboración
Xov, 19/11/2015 - 13:53
A Consellería de Cultura e Educación e UNICEF cooperarán na promoción e difusión dos dereitos da infancia nos centros de ensino
A Consellería de Cultura e Educación e UNICEF cooperarán na promoción e difusión dos dereitos da infancia nos centros de ensino

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e a presidenta de UNICEF Comité Galicia, Myriam Garabito Cociña, asinaron hoxe un convenio de colaboración ao abeiro do que ambas as entidades colaborarán na difusión nos centros de ensino dos dereitos da infancia e da cidadanía en xeral.

Unha vez formalizado o convenio, a Consellería incluirá no portal educativo (http://www.edu.xunta.gal/portal/) un enlace desde o que se poderá acceder directamente á información relacionada con dereitos dos nenos e nenas e da cidadanía global no web de UNICEF. Así mesmo, a Administración educativa fomentará a celebración dentro do calendario escolar do ‘Día Universal da Infancia’ o 20 de novembro. De forma parella, promoverase a inclusión destas materias no proxecto educativo dos centros e a formación do profesorado ao respecto.

Pola súa banda, UNICEF comprométese a facilitar o acceso gratuíto aos devanditos materiais no seu web, así como a poñer a disposición dos centros interesados materiais de autoavaliación institucional sobre dereitos da infancia e a cidadanía. Asemade, poderá ofertarlles aos docentes as accións de formación que organiza en colaboración coa Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED).

Con este acordo como base, a Consellería e UNICEF poderán subscribir convenios específicos, en caso de considerarse necesarios para abordar asuntos e materias concretas.