O conselleiro de Cultura e Educación visitou o CEIP Couceiro Freijomil, en Pontedeume

Román Rodríguez animou á comunidade educativa a participar na nova convocatoria dos contratos-programa
Mar, 17/11/2015 - 13:50
O conselleiro de Cultura e Educación visitou o CEIP Couceiro Freijomil, en Pontedeume
O conselleiro de Cultura e Educación visitou o CEIP Couceiro Freijomil, en Pontedeume

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou esta mañá o CEIP Couceiro Freijomil, na localidade coruñesa de Pontedeume, acompaña polo xefe territorial da Consellería na provincia, Indalecio Cabana. Durante o seu percorrido polo centro o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia compartiu co alumnado as actividades de coñecemento dos xogos tradicionais que se estaban desenvolvendo, que Román Rodríguez valorou como unha importante iniciativa para manter vivas as tradicións galegas.

O conselleiro interesouse, ademais, polo funcionamento do proxecto Abalar no centro e das diferentes iniciativas TIC nas que se está implicado este CEIP, que tamén forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares e do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras.

Así mesmo, Román Rodríguez animou á comunidade educativa deste CEIP a participar na nova convocatoria dos contratos-programa para este curso, que se publicou no Diario Oficial de Galicia o pasado venres, e que estará aberta ata o 14 de decembro. O obxectivo desta liña de actuación é apoiar aos centros para que, dentro da súa autonomía, poidan desenvolver un plan de mellora en función das necesidades detectadas no alumnado.