A Consellería de Educación inviste máis de 81.000 euros en atención á diversidade nos centros galegos

Os beneficiarios son estudantes con necesidades educativas específicas matriculados en centros ordinarios dependentes da Xunta

Xov, 18/11/2010 - 17:30

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria investiu no presente ano 81.106 euros na mellora das condicións de estudo do alumnado con necesidades específicas. Así deste modo 63 centros educativos viron cubertas as súas demandas de atención a diversidade.

As demandas cubertas veñen derivadas por diversos motivos, entre os que se teñen en conta as situacións familiares, sociais ou educativas dos rapaces e rapazas, asociados con condicións de discapacidade física, psíquica ou motora.

Os recursos

Ao longo do 2010 repartíronse 18 ordenadores entre aquelas alumnas e alumnos con necesidades concretas que precisan empregar tecnoloxías adaptadas a eles. Así terán á súa disposición teclados e ratos adaptados, pantallas táctiles, e ordenadores portátiles.

Ademais os centros tamén recibiron cadeiras e mesas adaptadas, así como asentos moldeados posturais, angarellas hidraúlicas, chalecos de axuda á sedestación; guindastres; e mesas con atrís, entre outros. Xunto a estes engadíronse emisoras de frecuencia modulada, comunicadores por pulsación, e un programa de audio- escritura.

Resposta a necesidade específicas

Todos estes recursos aportados pola Consellería posibilitan o máximo desenvolvemento das potencialidades dos estudantes afectados polas diversas necesidades antes nomeadas, escolarizados en centros ordinarios, dependentes da Xunta de Galicia. Todo isto en cumprimento da máxima de normalización e integración escolar de acordo coas necesidades educativas que presenta o alumnado en Galicia.

Con todo isto a Consellería volveu demostrar o seu interese por ter cubertas as necesidades de todos os estudantes galegos, e facilitando que todos continúen o curso ao mesmo ritmo grazas ás axudas destinadas para lograr a igualdade.