“O primeiro Dicionario galego de Pedagoxía constitúe unha ferramenta de grande utilidade para os profesionais do ensino”, di Xesús Vázquez

O conselleiro de Educación e o secretario xeral de Política Lingüística participaron no acto de presentación da obra, que tivo lugar hoxe en Santiago de Compostela
Lun, 15/11/2010 - 20:00
Xesús Vázquez na presentación do diccionario
Xesús Vázquez na presentación do Dicionario galego de Pedagoxía

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou que a elaboración de materiais lexicográficos e terminolóxicos en galego axuda a afianzar a presenza e a vitalidade do idioma nos distintos sectores sociais. Neste sentido, o conselleiro destacou que “este primeiro Dicionario galego de Pedagoxía recompila unha importante mostra do saber sobre as Ciencias da Educación e que constitúe, sen dúbida, unha ferramenta de grande utilidade para os profesionais do ensino, para os estudantes ou calquera outro cidadán interesado pola educación en Galicia.”. Así o afirmou na presentación desta obra, que tivo lugar esta tarde na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

No acto tamén participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; o reitor da USC, Juan Casares Long; o decano da Facultade de Ciencias da Educación, Lois Ferradás; e os directores do dicionario, José Antonio Caride e Felipe Trillo.

Durante a súa intervención, Xesús Vázquez tamén fixo fincapé en que o feito de que as voces escollidas para a elaboración deste dicionario atinxan expresamente ao contexto educativo de Galicia “lle outorga á publicación un plus de calidade, ao tempo que lle transfire  unha personalidade diferenciada respecto de calquera outro dicionario”. “Este criterio –dixo– redundará moi positivamente a prol do recoñecemento da realidade educativa da nosa comunidade”.

Lembranza para Herminio Barreiro

O máximo responsable de Educación tivo unha especial lembranza para Herminio Barreiro, un dos autores que participou no dicionario, recentemente falecido. “Catedrático emérito do departamento de Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social da USC, pedagogo e estudoso da educación en Galicia, Herminio Barreiro é autor dunha entrada deste dicionario”, dixo o conselleiro. “Precisamente –engadiu– a entrada dedicada á educación, onde sinala, “e fago miñas as súas palabras, a educación é unha das trabes do corpo enteiro dos dereitos humanos. Se o dereito á saúde é o principal, o dereito á educación vai á par. Porque non hai corpo sen espírito nin espírito sen corpo".

A colaboración entre a Consellería de Educación e a USC a prol do galego

A realización deste dicionario levouse a cabo no marco dun convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e USC. Na publicación, coeditada por Política Lingüística e a Editorial Galaxia, participaron profesionais de recoñecido prestixio, como Celso Currás, Antón Costa, Xulio Rodríguez, Rita Gradaílle, Pablo Ángel Meira, Luís Martín Sobrado e Xosé Rubal.