Ponse en marcha o I Campionato Galego da Formación Profesional ‘Galicia Skills 2010’

Os gañadores deste campionato formarán o equipo galego que representará á Comunidade nos campionatos nacionais en 2011

Mar, 09/11/2010 - 14:43

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria inicia mañá na Coruña as competicións do I Campionato Galego da Formación Profesional ‘Galicia Skills 2010’, que se celebra por primeira vez na nosa Comunidade Autónoma e do que resultará elixido o equipo galego que nos representará no campionato nacional “Spainskills 2011”

Un total de 55 alumnas e alumnos de ciclos formativos de 25 centros educativos de Galicia, acompañados dos seus docentes, participarán nas 12 especialidades ou skills nas que se divide a competición. As clasificacións das distintas categorías celebraranse ao longo deste mes de novembro en distintos centros educativos de toda Galicia, comezando mañá no IES Paseo das Pontes, da Coruña, nas skills de Cociña e Tecnoloxía da Moda. Nas vindeiras semanas realizaranse as competicións nas especialidades de Peiteado, Deseño web, PC e soporte de rede, Pintura de vehículos, Reparación de carrozarías de vehículos, Tecnoloxía do automóbil, Coidados de beleza, Ebanistaría, Carpintaría e Servizos de restaurante e bar. Para estas categorías as datas, lugares e centros participantes poden consultarse no portal educativo da Consellería de Educación, no enderezo web http://www.edu.xunta.gal/fp/GaliciaSkills.htm .

Estas olimpíadas galegas da Formación Profesional teñen como obxectivo a posta en valor da calidade e o atractivo das ensinanzas de formación profesional que se imparten nos centros galegos, e potenciar as relacións dos centros nos que se imparten ciclos formativos coas empresas dos sectores correspondentes. Ao tempo, búscase motivar ao alumnado para a mellora da calidade da FP, e recoñecer e estimular o labor do profesorado.

Camiño ás Spainskills 2011

Para cada skill haberá un xurado responsable da avaliación dos participantes, que será nomeado pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa; e estará composto por profesorado de formación profesional dos ciclos formativos correspondentes e profesionais recoñecidos do sector.

Neste I Campionato Galego de Skills da FP haberá tres clasificados por cada especialidade, que recibirán a correspondente certificación. O primeiro clasificado de cada skill representará a Comunidade Autónoma de Galicia no Campionato Nacional da Formación Profesional que se celebrará en Madrid no mes de abril de 2011. Todos os participantes recibirán un diploma acreditativo de ter participado en GaliciaSkills 2010.

Na primeira semana de abril de 2011 celebraranse en Madrid a XXXIII edición das Olimpíadas da Formación Profesional SpainSkills 2011, nas que estudantes de distintos ciclos formativos de formación profesional procedentes de centros educativos de todas as Comunidades Autónomas e Ceuta e Melilla medirán as súas destrezas e habilidades en cerca de trinta skills ou profesións.

Cada participante demostrará a súa competencia profesional durante catro días de competición a través dunha ou varias probas de carácter eminentemente práctico. Ademais dos premios nacionais, nesta competición seleccionarase o equipo que representará a España nos campionatos internacionais WorldSkills 2011, que se celebrarán en Londres, e nos europeos EuroSkills, que se disputarán no 2012.

Éxito de participación

Os estudantes e docentes galegos teñen rexistrado excelentes participacións nas anteriores edicións das Spainskills. Non en balde, na súa última edición, os participantes galegos competiron en 13 das 18 especialidades da Olimpíada, e gañaron medallas en 6 delas, en concreto nas modalidades de carrozaría, deseño web, ebanistaría, perrucaría, tecnoloxía da moda e vehículos industriais. Galicia ocupou nesta competición o segundo posto no computo total de medallas por Comunidades Autónomas.

Grazas a estes resultados, que demostran a alta cualificación da FP galega, tres participantes da Comunidade, membros do equipo español de SpainSkills, competiron nas últimas WorldSkills, que se celebraron en Calgary (Canadá), nas modalidades de carrozaría, perrucaría e tecnoloxía da moda. Así mesmo, as participantes do equipo español nos skills de tecnoloxía da moda e deseño de moda, que competiran nos campeonatos europeos “Euroskills 2010”, a celebrar a inicios de decembro en Lisboa, son dúas alumnas do Ies Paseo da Pontes da Coruña.

As Olimpíadas da Formación Profesional están promovidas pola organización internacional WorldSkills, cuxo obxectivo é a promoción das competencias profesionais no marco da Formación Profesional a nivel mundial. Na actualidade ten 52 países asociados.