Encontre a súa información...

O prazo para solicitar a participación no Plan Proxecta remata o 15 de outubro
Ven, 11/09/2015 - 13:43
Logo do Plan Proxecta

Este curso 2015-16 o Plan Proxecta arrancará cunha nova marca de programas. Aos 28 do curso pasado súmanse 10 novos programas que diversifican en maior medida a oferta temática que poden abordar os centros ao abeiro de Proxecta e que facilitan a consideración de actividades de innovación educativa para iniciativas que xa estaban a desenvolver con éxito nos centros de ensino. Os programas novos que se ofrecen neste curso son os seguintes: DAFIS, Aprendo programando, Protexe os animais, Naturézate, Cociñando con saúde, Xermoliño, Xermolón, Fitofaladoiro, Proxecto didáctico Antonio Fraguas, Mirando polo Camiño, Ti es creador e Mobilidade sostible e segura. Pódese consultar a convocatoria e mais a corrección de erros (que contén a listaxe definitiva dos programas que se ofrecen neste curso) na nova publicada na seguinte ligazón.

A descrición dos programas pódese consultar nesta ligazón. Con todo, se algún centro precisa obter máis información pódese poñer en contacto coas asesoras do Plan Proxecta ou coas persoas responsables de cada programa.

A convocatoria deste curso deixa aberto o prazo da convocatoria ata o xoves 15 de outubro co fin de favorecer que os centros completen os seus claustros e poidan formular os seus proxectos con máis seguridade. A solicitude de cada centro debe formalizarse a través da aplicación do Plan Proxecta, situada na páxina de inicio da web do Plan.