Cultura e Educación convoca os premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e a superación persoal para o curso 2014/15

Ata 20 alumnos e alumnas poderán recibir estes galardóns

O fin último destes recoñecementos é valorar publicamente, o esforzo e dedicación dos alumnos en superar as súas dificultades, ben de tipo persoal, educativas e/ou do contorno familiar e sociocultural

Sáb, 29/08/2015 - 09:40

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle a orde pola que se convocan os premios de educación secundaria obrigatoria (ESO) ao esforzo e á superación persoal co obxecto de dar recoñecemento público á dedicación do alumnado desta etapa formativa, reforzar aqueles aspectos que inciden na mellora do sistema educativo e xuntar excelencia con equidade, igualdade de oportunidades e posibilidades de desenvolvemento persoal. Poderanse conceder ata un máximo de 20 premios, dotado cada un deles dunha contía de 750 euros.

Requisitos

Os alumnos e alumnas interesados terán que ter rematados os estudos de cuarto curso da ESO no ano académico 2014/15 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia, estar propostos polo equipo docente para a expedición do título e merecer  un especial recoñecemento pola dedicación e esforzo demostrado ao longo da etapa en superar as súas dificultades, ben de tipo persoal, educativas e/ou do contorno familiar e sociocultural.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG e deberán de presentarse, preferiblemente, por vía electrónica a través do formulario dispoñible no enderezo web https://sede.xunta.es .

A orde pode consultarse no enderezo web:

http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150821/AnuncioG0164-270715-0006_gl.html