O vindeiro curso trece escolas unitarias deixarán de prestar servizo en Galicia, debido ao baixo número de alumnos matriculados

Como cada ano, a Consellería de Cultura e Educación adapta as necesidades educativas de cada zona á realidade social para garantir a viabilidade da escola, sobre todo no eido rural
O departamento educativo mantén os mesmos criterios que nos últimos anos, que é pechar aqueles centros que conten con cinco ou menos nenos matriculados
Segundo os datos do IGE, a caída demográfica fai que para o vindeiro curso haxa cincocentos alumnos menos para escolarizarse en 4º de Infantil (3 anos)
Mar, 21/07/2015 - 11:13

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de rematar a revisión da matriculación dos centros escolares nos niveis de educación infantil, educación primaria e educación especial para o vindeiro curso 2015-2016, un proceso habitual que se leva a cabo todos os anos antes do inicio de cada curso co fin de adecuar o número de unidades ao de alumnas e alumnos matriculados en cada centro educativo.

Conforme aos datos definitivos de matriculación, o vindeiro curso escolar deixarán de prestar servizo educativo 13 escolas unitarias, debido ao baixo nivel de matriculación nestes centros. Cómpre sinalar que a Consellería mantén, un ano máis, o mesmo criterio para suprimilas. É dicir, que conten con cinco ou menos alumnos. Ademais, os datos demográficos amosan unha caída do número de escolares na etapa de Infantil, pola baixa natalidade. De feito, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, o vindeiro curso haberá 505 alumnos menos que entran en 4º curso de Infantil (de 3 anos).

Así, na provincia da Coruña non reúnen os requirimentos para continuar abertas as EEI da Fonte Moura, en Cambre (con 4 alumnos); a EEI de Limodre, en Fene (con 5 alumnos); a EEI de Tállara en Lousame (con 2 alumnos); a EEI de Vilar, en Oleiros (intégrase no novo CEIP de Nós, que comeza a funcionar o vindeiro curso); a EEI de Montaos, en Ordes (con 4 alumnos); a EEI de Souto, en Paderne (con 5 alumnos); e o CEIP de Loiba, en Ortigueira (con 3 alumnos).

Na provincia de Lugo deixan de prestar servizo neste próximo curso o CEIP da Ponte de Doiras, en Cervantes (con 4 alumnos); e o CEIP Vicente Casabella, en Ourol. No caso deste último CEIP, o peche responde a unha decisión das propias familias, xa que todas elas (un total de 8) optaron por matricular aos seus fillos e fillas no CEIP de viveiro, quedando por tanto este centro sen ningún alumno.

Tamén en Ourense, logo dunha decisión consensuada e de total conformidade con todas as familias, procédese ao peche do CEIP Nosa Señora do Carme, en Calvos de Randín. Neste caso os seus 7 alumnos e alumnas pasan no vindeiro curso ao CEIP dos Blancos.  Por último na provincia de Pontevedra deixarán de funcionar a EEI de Vide, en As Neves (con 5 alumnos); a EEI de Samieira, en Poio (con 3 alumnos); e a EEI do Pedroso-Bamio, en Vilagarcía de Arousa (con 4 alumnos).

Tamén cada ano, atendendo aos datos oficiais de matriculación, lévase a cabo un proceso de reorganización de unidades dentro dos propios centros educativos que conleva, ben a creación de novas unidades, ben a supresión doutras e reagrupamento en función do incremento ou diminución de alumnado. Así mesmo, habilitáronse unidades (sen creación) para o suposto de desdobramentos de aulas cando existindo un incremento puntual ou circunstancial do número de alumnos/as e non hai perspectivas que garantan que esa situación se consolide nos vindeiros anos. Os datos globais e  por provincias son os que a continuación se sinalan:

 

Provincia

Supresións

Creacións

Habilitacións

TOTAIS

A Coruña

-24

+13

0

-11

Lugo

-4

+5

+11

+12

Ourense

-12

+3

+3

-6

Pontevedra

-28

+12

+8

-8

TOTAIS

-68

+33

+22

-13

 

 

Os datos concretos poden consultarse no enderezo web http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150721/AnuncioG0164-130715-0002_gl.html .

Esta decisión da Consellería responde á obriga de realizar unha  xestión eficiente dos recursos educativos sostidos con fondos públicos, adecuándoos tanto ás necesidades  educativas de cada zona como á realidade social. En calquera caso, todos os alumnos e alumnas destes centros teñen asegurada unha praza escolar noutro centro educativo próximo.