O dicionario do catedrático Xosé López Díaz verte ao latín o léxico máis actual da lingua galega

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, participou hoxe na presentación da obra, publicada polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

Ven, 22/10/2010 - 19:02
10_10_22_Xose_Lopez_e_Anxo_Lorenzo_co_dicionario_galego-latino
Xosé López e Anxo Lorenzo co dicionario galego-latino

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, asistiu hoxe á presentación do Dicionario galego-latino clásico e moderno, unha obra da autoría de Xosé López Díaz que vén de publicar o Centro Ramón Piñeiro de Investigación en Humanidades.

Como o seu título indica, o dicionario parte do galego como lingua fonte e ten o latín como lingua de destino. A obra propón a equivalencia en latín do léxico galego clásico e moderno e, neste sentido, a súa principal particularidade é que o autor recolle nela os termos máis actuais do galego, totalmente descoñecidos no mundo antigo, como correo electrónico, persiana, televisión, anorexia ou futbolín, así como expresións do tipo vaiche boa ou botar o carro antes que os bois, entre outras moitas.

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, trasladoulle os seus parabéns ao autor do dicionario, Xosé López, polo “lúcido e inmenso labor levado a cabo nesta obra” e aproveitou para gabar outro dos seus recentes traballos, a primeira tradución completa ao galego do Códice Calixtino. Igualmente, salientou o labor levado a cabo polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, xa que este servizo de investigación da Secretaría Xeral de Política Lingüística foi o responsable da publicación da obra. Así mesmo, aproveitou para recordar o importante traballo de investigación sobre o galego que leva a cabo este centro.

Un paso importante para a tradición lexicográfica en galego

Respecto do dicionario, o secretario xeral destacou a súa utilidade práctica como ferramenta didáctica para o ensino do latín e, por outra, fixo fincapé no “aspecto simbólico e necesario deste traballo, que actualiza e incrementa a tradición lexicográfica feita desde a lingua galega, tan importante para profundar na produción cultural de Galicia”. Ao mesmo tempo, o secretario xeral destacou que a obra enlaza o coñecemento humanístico entre galego e latín, así como a conexión entre as dúas culturas.

Finalmente, Anxo Lorenzo afirmou que “o papel do latín no século XXI está aínda sen escribir e que o feito de que hoxe presentemos este dicionario dá moito que reflexionar sobre a súa relevancia como idioma con vitalidade académica, humanística e científica nos nosos días”.

Na presentación, que tivo lugar no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, tamén participaron o autor da obra e catedrático de Latín Xosé López Díaz; a vicedecana da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, María Xosé López Couso; o catedrático de Latín desta universidade Enrique Vázquez Buján; e mais o secretario do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Xesús Ferro Ruibal.

Creación neolóxica en latín

Para a equivalencia en latín do léxico galego moderno, o autor botou man da creación neolóxica en latín e de propostas formuladas xa con anterioridade por outros autores de obras semellantes que teñen como lingua de partida outras linguas actuais. É, xa que logo, unha obra que pretende facilitar a expresión en latín de calquera situación da vida actual moderna, unha necesidade sentida por practicamente todas as linguas de cultura.

En consecuencia, o Centro Ramón Piñeiro promoveu a publicación desta obra, no marco do labor de promoción e desenvolvemento de proxectos e de programas galegos de estudos lingüísticos, literarios, históricos e antropolóxicos que impulsa como servizo de investigación da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Menús News node R