Valentín García inaugura a XXVIII edición dos cursos de lingua e cultura ‘Galego sen fronteiras’ que organizan a RAG, a USC e a Consellería de Cultura e Educación

Nesta nova edición, 65 estudantes de 16 países diferentes se achegarán á lingua e á cultura propias de Galicia

Xov, 02/07/2015 - 13:25
 Valentín García inaugura a XXVIII edición dos cursos de lingua e cultura ‘Galego sen fronteiras’ que organizan a RAG, a USC e a Consellería de Cultura e Educación
Valentín García inaugura a XXVIII edición dos cursos de lingua e cultura ‘Galego sen fronteiras’ que organizan a RAG, a USC e a Consellería de Cultura e Educación

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá no acto de inauguración da XXVIII edición dos cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras” que organizan, durante este mes na capital de Galicia, a Real Academia Galega (RAG), Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Deputación da Coruña. Desenvolveranse desde hoxe ata o vindeiro 24 de xullo.

García Gómez deulle a benvida en nome da Xunta ao alumnado e trasladoulle a importancia que posúe a proxección exterior da lingua e da cultura galegas para o Goberno de Galicia. “Vós formades parte desa proxección exterior a través destes cursos, nos que temos a oportunidade de dar a coñecer a nosa lingua e a nosa cultura fóra das fronteiras da comunidade”, asegurou. O secretario xeral incidiu tamén no interese de seguiren mantendo o contacto con Galicia ao regreso dos seus países de orixe e na conveniencia de seguiren realizando as súas achegas á lingua galega desde os seus respectivos campos do saber.

No acto inaugural participaron, amais de García Gómez, o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero; o vicerreitor de Comunicación e Coordinación da USC, Xosé Pereira Fariña; o director do ILG, Ernesto González Seoane; o director dos cursos, Henrique Monteagudo Romero, e a secretaria académica dos cursos, Ana Boullón Agrelo.

Aulas de lingua e actividades para achegarse de primeira man ao galego

Serán 65 alumnos e alumnas procedentes de 16 países diferentes de Europa, América e África os que comecen hoxe en Santiago os cursos desta XXVIII edición. Neles están representadas un bo número de universidades que na súa meirande parte contan cun lectorado de galego pertencente á Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta de Galicia. Así, o alumnado chega desde Arxentina, Brasil, Canadá, EEUU, Rusia, Francia, Hungría, Italia, Marrocos, Polonia, Portugal, Reino Unido, Alemaña, Romanía, Suíza e de diferentes puntos de España.

Ata finais de xullo, os cursillistas asistirán a clases teóricas e prácticas de lingua, literatura e lingüística, así como a conferencias e encontros con persoeiros destacados da cultura galega. O obxectivo é que nestas tres semanas teñan unha intensa actividade lectiva e cultural que lles permita ter unha visión o máis completa posible da cultura e da sociedade galega de hoxe.

Estreita colaboración institucional para garantir a oferta de cursos de verán

A Consellería dirixida polo conselleiro Román Rodríguez organiza ao longo deste mes cursos de verán de lingua e cultura galegas para persoas estranxeiras, en colaboración coa RAG e co ILG da USC e mais coa Universidade da Coruña.

Mercé a esta colaboración, que se vén renovando de xeito ininterrompido desde 1988, case un cento de alumnos e alumnas se achegarán cada verán ao galego para iniciarse na súa aprendizaxe ou para perfeccionar a competencia que xa teñen no noso idioma. Moitos deles cursan xa lingua galega nos lectorados da Rede de Centros de Estudos Galegos que a Xunta de Galicia ten en case 40 universidades do mundo.

Menús News node R