Cultura e Educación conmemora no Gaiás o centenario da teoría xeral da relatividade de Einstein con Lisa Randall, a científica feminina máis relevante da física mundial

A profesora da Universidade de Harvard, elexida pola revista ‘Time’ como unha das cen figuras máis influentes no eido de ‘Científicos e Pensadores’, disertará na Cidade da Cultura o próximo 1 de xullo sobre universos ocultos

O encontro, coordinado polos profesores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Jorge Mira e José Edelstein, contará tamén co seu colega Javier Mas Solé

Sáb, 27/06/2015 - 10:00
 Cultura e Educación conmemora no Gaiás o centenario da teoría xeral da relatividade de Einstein con Lisa Randall, a científica feminina máis relevante da física mundial
Cultura e Educación conmemora no Gaiás o centenario da teoría xeral da relatividade de Einstein con Lisa Randall, a científica feminina máis relevante da física mundial

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria conmemora o vindeiro mércores, 1 de xullo, no Gaiás o centenario da teoría xeral da relatividade de Albert Einstein coa presenza da figura feminina máis importante da Física mundial: a profesora da Universidade de Harvard Lisa Randall.

O Centro de Innovación Cultural (CINC) do Gaiás será o escenario deste encontro científico organizado polo físicos galegos Jorge Mira e José Edelstein, no que tamén intervirá o profesor de Física Teórica da Universidade de Santiago de Compostela (USC) José Javier Mas Solé.

Investigadora sobre física de partículas e cosmoloxía, Lisa Randall pronunciará a partir das 20:15 horas a charla ‘Universos ocultos: unha viaxe ás dimensións extras do cosmos’. Considerada pola revista Time unha das cen persoas máis influentes na sección de ‘Científicos e Pensadores’, Randallfoi a primeira muller en ocupar un posto no departamento de física da Universidade de Princeton e a primeira muller Física Teórica no MIT e na Universidade de Harvard.

Entrada libre e de balde

Como introdución á charla da profesora norteamericana, Javier Mas Solé, profesor titular de Física Teórica da Universidade de Santiago de Compostela (USC), será o encargado de abrir a xornada coa charla ‘Da mazá ao burato de verme: cen anos de Relatividade Xeral’. Tras el, o seu compañeiro José Edelstein completará o programa con ‘O universo de Einstein: do Big Bang aos buratos negros’.

A xornada ‘100 anos da teoría xeral da relatividade’ ten entrada libre e de balde ata completar aforo. Os asistentes disporán, ademais, de aparatos de tradución para poder seguir a charla de Lisa Randall sen ningún problema.