A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística acorda novas propostas para dinamizar a lingua galega no ensino superior

Nela participa a Consellería de Cultura e Educación, por medio das secretarías xerais de Política Lingüística e de Universidades, canda as tres universidades galegas
Lun, 22/06/2015 - 19:04
 A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística acorda novas propostas para dinamizar a lingua galega no ensino superior
A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística acorda novas propostas para dinamizar a lingua galega no ensino superior

A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística acordou hoxe novas propostas para dinamizar a lingua galega no ensino superior, no decurso dunha reunión ordinaria que mantivo esta mañá en Santiago e á que acudiron o secretario xeral de Política Lingüística (en nome da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria), Valentín García, así como os representantes dos órganos de goberno e dos servizos lingüísticos das tres universidades de Galicia.

Novos itinerarios lingüísticos nas titulacións de grao

A orde do día da xuntanza centrouse na proposta de creación de itinerarios lingüísticos nas titulacións de grao no Sistema Universitario Galego. Trátase de que, no marco dun programa de multilingüismo docente a implantar nas titulacións que así o decidan e ao que poderá optar o alumnado que o quixer, as universidades ofrezan diferentes itinerarios lingüísticos planificados nas súas titulacións e tamén a posibilidade de acreditar a competencia lingüística nos idiomas vehiculares da docencia e linguaxes de especialidade.

En todos os casos, os novos itinerarios lingüísticos contemplarán como opción a impartición da titulación en lingua galega, ao pé do castelán e doutras linguas estranxeiras (con especial atención ao portugués, no marco de aplicación da Lei 1/2014 para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía). Deste xeito, o alumnado terá opción de cursar a súa titulación en galego, o que suporá un grande avance na dinamización do idioma propio no ensino superior de Galicia.

Avanzar conxuntamente en prol do idioma

A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística intégrana a Xunta de Galicia e mais as universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña. Foi creada en 2009 para darlle cumprimento á medida dirixida á área do ensino que no marco do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004) propoñía a creación dunha “comisión estable” que asumise a planificación e a coordinación da política lingüística universitaria en Galicia prevendo a participación nela das tres universidades galegas e mais da Administración autonómica.

Así, a devandita comisión ten como principal cometido definir as liñas políticas de actuación na comunidade universitaria galega en materia de política lingüística, para o que se acordan pautas de actuación conxuntas en prol da dinamización lingüística e do fomento uso do galego no ámbito universitario.