Política Lingüística potencia a oferta de recursos didácticos en galego a través da concesión de axudas a editoriais

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica hoxe no DOG a orde pola se adxudican estas subvencións, que ascenden a un total de 501.617 euros

Mér, 06/10/2010 - 19:24

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se conceden subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios.

Ao abeiro do concurso público convocado na orde do 2 de xuño de 2010, Política Lingüística concédelles axudas para a elaboración e edición de material educativo en lingua galega ás seguintes editoriais: Rodeira-Grupo Edebé, Baía Edicións, Edicións Xerais de Galicia, Galinova Editorial, Editorial Teide, Xerme Edicións, Vicens Vives Primaria, Ediciones Vicens Vives, Editorial Casals, Servi-Aca, Santillana Educación (Edicións Obradoiro) e Ir Indo Edicións.

Estas axudas están dirixidas á elaboración e edición en galego de material didáctico curricular para niveis non universitarios, en soporte impreso ou dixital. Así mesmo, son obxecto desta convocatoria os recursos didácticos complementarios, aqueles materiais educativos que contribúan a afondar no coñecemento dos bloques temáticos recollidos nos currículos, especialmente dos que se teñan que impartir en galego.

Criterios de valoración dos proxectos

Para a concesión das axudas, déuselle prioridade, por unha banda, á calidade da obra. Neste sentido, tivéronse en conta parámetros como a adaptación dos contidos ao currículo establecido, o tipo de actividades, a motivación que poida xerar o material entre o alumnado, a calidade lingüística, o tratamento de valores democráticos ou a adecuación dos contidos á realidade cultural e social de Galicia.

Potenciar a oferta de recursos didácticos en galego

A través desta convocatoria de axudas, dotada con 501.617 euros, a Secretaría Xeral de Política Lingüística busca potenciar a produción editorial en galego,  que asegure a existencia dunha oferta suficiente de materiais didácticos nesta lingua.

En consecuencia, esta liña de axudas incide directamente no obxectivo do Plan xeral de normalización da lingua galega de “garantir unha oferta de materiais didácticos de calidade e en soportes diversos que fagan atractivo o proceso da aprendizaxe, que axuden a percibir a utilidade da lingua e que capaciten para o seu uso correcto e eficaz”.