O conselleiro de Educación asiste á primeira xornada do Congreso Nacional de Abandono Escolar Temperá, celebrado en Valladolid

O encontro, que rematará o venres, foi presentado polo ministro de Educación, Ángel Gabilondo

Mér, 06/10/2010 - 19:18

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu está tarde á primeira xornada do Congreso Nacional de Abandono Escolar Temperá que se celebra en Valladolid ata este venres 8 outubro.

O acto foi presentado polo ministro de Educación, Ángel Gabilondo; o conselleiro de Educación da Xunta de Castela e León, Juan José Mateos; e ao alcalde de Valladolid, Juan Vicente Herrera Campo e nel estiveron presentes conselleiros de outras comunidades autónomas. Ao longo destes tres días o centro cultural Miguel Delibes  será o punto de encontro para os máis de 350 asistentes representantes do mundo educativo e responsables das administracións estatais, autonómicas e locais.

Algúns obxectivos

Entre os obxectivos marcados pola organización do congreso está o de garantir o desenvolvemento eficiente e eficaz do Plan de Apoio á Aplicación da LOE. Ao longo destes días tamén se falará sobre como mellorar a coordinación entre as administracións públicas relativas á educación para, entre todos os implicados, loitar contra o abandono educativo temperá.

O congreso deu comezo cunha primeira mesa redonda moderada pola redactora xefe do xornal ‘Escuela’, María Vieites Casado, en torno á ‘Visión do abandono escolar temperá desde as comunidades autónomas’.

Mañá as actividades continuarán cun relatorio en torno á ‘Perspectiva sobre o abandono escolar. Unha estratexia conxunta para afrontalo’. Posteriormente distintos poñentes falarán sobre as experiencias de educación en persoas adultas, sobre Formación Profesional; Prevención; Orientación; e sobre as Comunidades de Aprendizaxe. O relatorio da tarde do mércores xirará sobre o ‘O abandono escolar en Educación Secundaria: implicacións para o centro’.

A situación en Europa

O último día, o congreso centrará a súa actividade no ‘Abandono temperá da educación e a formación en España’. O encontro rematará cun relatorio no que falaran da situación actual na Unión Europea, dando unha visión xeral a través das máis diversas experiencias grazas ás valoracións aportadas por representantes de Francia, Italia e Portugal.

A clausura correrá a cargo do conselleiro de educación da Xunta de Castela e León, Juan José Mateos Otero; e a directora xeral de Avaliación e Cooperación Territorial do Ministerio de Educación, Rosa Peñalver Pérez.