Román Rodríguez presidiu a entrega do premio do concurso ‘Qué es un rey para ti’

O conselleiro de Cultura e Educación salientou a importancia deste certame que achegar aos máis novos a historia da Coroa e o papel da monarquía parlamentaria

A alumna Naila María González foi a escollida para representar a Galicia na Audiencia Real

Lun, 08/06/2015 - 13:40

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, fixo entrega hoxe dos premios da fase autonómica da XXXIV edición do concurso nacional ‘¿Qué es un rey para ti?’, no que nenos e nenas de entre 8 e 13 anos expoñen a súa visión sobre o significado da institución monárquica.

Román Rodríguez puxo en valor este certame na medida en que achega os nenos e nenas á historia da Coroa de España, ao papel que desempeña na actual monarquía parlamentaria e á importancia das funcións da súa Maxestade El-Rei. O conselleiro lembrou o papel fundamental da Xefatura do Estado na construción dun país de dereitos, de libertades e de progreso.  

No acto, a alumna Naila Mº González Rodríguez -que cursa 6º de Primaria no Colexio A Merced de Sarria (Lugo)- foi a elixida como representante de Galicia na audiencia na que a Súa Maxestade o Rei recibirá aos gañadores de todas as comunidades autónomas. Esta alumna acadou a distinción grazas a un traballo no que representa a don Felipe cunha lamparilla que ilumina coa súa luz a todos os españois.

O conselleiro de Cultura e Educación gabou a creatividade, o esforzo e o traballo  realizado nesta edición do concurso no que resultaron galardoados un total de 41 rapaces e rapazas de entre os 2.054 participantes de 128 colexios de infantil e primaria de Galicia con traballos en todo tipo de formato, incluídos os multimedia, arredor da idea de qué é un rei para eles.

Este certame, que conta xa con 34 anos de vida, é unha iniciativa organizada pola Fundación Institucional Española (FIES), e patrocinado pola Fundación Orange. O acto contou coa presenza do presidente da Fundación FIES, Rafael Guardans; o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal; e do representante de Orange, Óscar Aragón.