Román Rodríguez empraza ás últimas promocións de enxeñeiros forestais a aproveitar os valores académicos e científicos como guía na súa futura tarefa profesional

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria exerceu de padriño da graduación dos alumnos e alumnas da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra
Ven, 05/06/2015 - 21:24
Román Rodríguez empraza ás últimas promocións de enxeñeiros forestais a aproveit
Román Rodríguez empraza ás últimas promocións de enxeñeiros forestais a aproveitar os valores académicos e científicos como guía na súa futura tarefa profesional

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, emprazou hoxe aos novos enxeñeiros e enxeñeiras forestais a conservar os valores académicos e científicos adquiridos durante a súa formación académica e que estes lles “guíen para acadar as metas que vos propoñades”. Así o salientou durante o acto de graduación das últimas cinco promocións de grao da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, onde exerceu como padriño.

Na súa intervención Román Rodríguez salientou o traballo docente nesta Escola de Enxeñería, encamiñado a satisfacer as demandas de especialización dun mercado de traballo “cada vez máis profesional, esixente e globalizado”. Dado que se trata dunha profesión moi ligada ao medio natural, á xestión sostible dos recursos renovables e á conservación da biodiversidade, o conselleiro insistiu na responsabilidade profesional dos recén egresados de “contribuír ao desenvolvemento do territorio” e, así mesmo, de “devolverlle á sociedade o que esta investiu neles”.

Malia non ser alleo ao contexto económico actual, o conselleiro de Cultura e Educación asegurou sen embargo que o incremento da demanda de madeira en Europa, a loita contra o cambio climático, a sensibilidade nos temas ambientais, a bio-economía e o crecemento intelixente son factores “que xogan ao voso favor” e que, por tanto, hai que aproveitar.

Galicia conta cunha superficie forestal de máis de dous millóns de hectáreas e a facturación conxunta da industria da madeira supera os 1.600 millóns de euros anuais. Trátase, por tanto, de cifras que corroboran a importancia dun sector básico en Galicia ao que –segundo o conselleiro- a Escola de Enxeñería de Pontevedra contribúe aportando profesionais e atendendo as súas necesidades de tecnificación e de innovación.

Neste senso o conselleiro aproveitou para loar a colaboración dos axentes do sector e das empresas, así como o traballo dos docentes e o esforzo das familias. Una vez rematada a formación universitaria, “é o momento de mirar cara adiante, e transferir ao monte e á natureza galegos os coñecementos adquiridos, nun camiño que non vai ser doado, pero si apaixonante”, concluíu Román Rodríguez dirixíndose aos alumnos e alumnas egresados.