O Consello Escolar de Galicia dá o seu ditame favorable ao Decreto que regulará a Formación Permanente do Profesorado
Coa nova organización crearase un Centro Autonómico de Formación e Innovación
Mar, 28/09/2010 - 19:02

O Consello Escolar de Galicia aprobou hoxe o Decreto polo que se regulará a Formación Permanente do Profesorado. Ademais, analizáronse os proxectos de Orde polos que se establecen os plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de grao en Deseño, Música, Arte Dramático e Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula o acceso aos devanditos graos.

Ao abeiro do novo Decreto de Formación do Profesorado queda establecida unha nova planificación da formación, en torno a un Plan Estratéxico e aos plans anuais. Así, no Plan Estratéxico definiranse os obxectivos que hai que conseguir ao remate dun período de catro anos, así como a súa concreción en obxectivos. Nos plans anuais desenvolveranse os obxectivos ano a ano, a través de medidas e accións concretas. Para a elaboración de ambos os dous teranse en conta as necesidades de formación dos docentes e as propostas realizadas por estes.

Centro Autonómico de Formación

Para coordinar a estratexia formativa deséñase unha novidosa estrutura, pola que se crea un Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), cuxas funcións serán a coordinación e deseño das accións formativas –presenciais ou a distancia- que integran os plans anuais, promover as actividades de intercambio e debate entre o profesorado, desenvolver e avaliar proxectos de investigación e innovación educativa, e detectar e recoller as necesidade e demandas de formación nos centros educativos, propoñendo iniciativas e accións formativas que as satisfagan. Ademais deseñará e desenvolverá os plans de formación a distancia, coas que achegalos a todos os docentes, e facilitarlle así o acceso á formación; e seleccionará e adaptará contidos para contornos educativos dixitais.

Pola súa banda, os Centros de Formación e Recursos detectarán e recollerán as necesidades do seu ámbito de actuación, no que tamén promoverán accións de formación do profesorado nos centros. Ademais, proporcionarán aos docentes do seu ámbito territorial un servizo de documentación, elaboración e difusión de material didáctico, así como o acceso ao uso dos recursos pedagóxicos e dos fondos das súas bibliotecas e mediatecas.

Doutra banda, e co fin de manter e garantir unha distribución territorial que faga posible o acceso do profesorado á formación permanente, o CAFI e os Centros de Formación de Recursos contarán co apoio de centros colaboradores, que facilitarán os espazos e medios necesarios para a realización de actividades formativas, necesarias para satisfacer a demanda existente.

Avaliación

Outra das propostas de mellora incluída no Decreto é a avaliación, un proceso polo que ao final de cada curso escolar, o Servizo de Formación do Profesorado, o Centro Autonómico de Formación e Innovación e os centros de formación e recursos elaborarán unha memoria na que se contemple a valoración sobre os procesos e resultados, coa finalidade de analizar e contrastar os procesos e resultados obtidos no desenvolvemento da formación, e poder así mellorala. Coa información obtida, a dirección xeral competente en formación permanente do profesorado revisará e, no seu caso, modificará os obxectivos previstos no Plan Estratéxico.

Nesta mesma liña, o novo decreto aposta pola creación dun rexistro xeral de actividades de formación permanente das profesoras e profesores, e de rexistros auxiliares en cada un dos Centros de Formación e Recursos, nos que se rexistrarán as actividades certificadas por cada centro.

Ensinanzas artísticas

O Consello Escolar de Galicia analizou tamén os proxectos de Orde polos que se establecen os plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores en Deseño, Música, Arte Dramático e Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula o acceso aos devanditos mesmos, por primeira vez como graos. Deste xeito, os devanditos graos quedan estruturados en catro cursos académicos, de 60 créditos ECTS cada un, cun total de 240 créditos ECTS, de acordo co sistema europeo de transferencia de créditos.

Respecto das distintas especialidades, quedan fixadas para as ensinanzas de Deseño o Gráfico, de Interiores, de Moda e de Produto; para as de Música, as de Composición, Interpretación, Musicoloxía e Pedagoxía; e as de Interpretación, Dirección escénica e dramaturxia, e Escenografía, para o grao en Arte dramática.

No caso dos estudos de grao en Conservación e Restauración de Bens Culturais, a duración das ensinanzas en cada una das súas especialidades, comprenderá catro cursos académicos, de 60 créditos ECTS cada un, cun total de 240 créditos ECTS. Os dous primeiros cursos do plan de estudos serán comúns, para todos os efectos e a todas as especialidades destes estudos, e  os dous últimos cursos do plan de estudos serán diferenciados segundo cada unha das especialidades do mesmo título, nomeadamente as de Bens Arqueolóxicos, Escultura, e Pintura.
 

Departamento

Colectivo

Tema