A Consellería de Cultura e Educación testará o cuestionario sobre a convivencia escolar entre 7.000 alumnos e 1.000 docentes de toda Galicia

A Consellería reuniu hoxe nunha xuntanza informativa a directores e representantes das familias dos 36 centros educativos das catro provincias que participarán na pilotaxe
O obxectivo é analizar o estado da convivencia nas aulas galegas para deseñar medidas de prevención e tomar decisións baseadas nun ampla mostra de datos reais
Mar, 12/05/2015 - 17:23
O conselleiro, Román Rodríguez, presidiu esta tarde a xuntanza organizada polo s
O conselleiro, Román Rodríguez, presidiu esta tarde a xuntanza organizada polo seu departamento para informar dos pormenores do proceso aos 36 centros educativos das 4 provincias que participarán na pilotaxe

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria comezará este mércores día 13 a pilotaxe do cuestionario sobre a convivencia escolar previsto na Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020, unha fase previa ao cuestionario censual que se pasará en todos os centros de ensino de Galicia no primeiro trimestre do curso 2015/2016. O obxectivo desta proba piloto é detectar as posibles dificultades para responder ás preguntas previstas e solucionalos antes de pasar as preguntas ao conxunto do sistema educativo.

O conselleiro, Román Rodríguez, presidiu esta tarde a xuntanza organizada polo seu departamento para informar dos pormenores do proceso aos 36 centros educativos das 4 provincias que participarán na pilotaxe, que se desenvolverá durante 2 semanas. Isto supón que uns 7.000 alumnos de a partires de 5º de primaria, 1.000 docentes e 36 directores realizarán o cuestionario, así como unhas 170 persoas non docentes. Ademais, responderán as preguntas arredor de 3.000 familias do alumnado menor de 18 anos que contempla a mostra do piloto. Na xuntanza de hoxe participaron os directores dos 36 centros e mais os representantes das familias nos Consellos Escolares de cada un deles.

Un apoio á comunidade educativa

Durante a xuntanza informativa de hoxe, o conselleiro quixo solicitar á comunidade educativa a máxima colaboración para que, tanto a pilotaxe como o futuro cuestionario censual, sexan un éxito. Así mesmo cualificouno como “un cuestionario de apoio aos centros e á comunidade educativa”, fundamental para axudar aos centros educativos a elaborar os seus propios Plans de Convivencia, así como para avanzar e mellorar o desenvolvemento da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020.

Neste sentido, o conselleiro lembrou que, aínda que Galicia presenta niveis moi baixos de conflitividade nas aulas, ata o momento non se dispón de datos rigorosos, cualitativos e cuantitativos, sobre o clima escolar. Polo tanto, o cuestionario supón dar un paso máis, preguntando a familias, docentes, directores, persoal non docente e alumnos de todas as etapas, e afondando na percepción do clima escolar e dos motivos da conflitividade (no caso de habela). Así mesmo, a amplitude da mostra permitirá obter unha gran cantidade de datos para mellorar tanto as estratexias de prevención como a resposta fronte aos posibles conflitos que se poidan producir nas aulas.

‘educonvives.gal’

O cuestionario constitúe o primeiro dos eixes da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020, que ten como obxectivo fornecer o profesorado, nais, pais e equipos directivos - fundamentalmente- dunha serie de recursos que lles permitan abundar na mellora da convivencia escolar e desde a óptica integral e inclusiva. Nesta liña, búscase facilitar orientacións para actuar con rapidez diante de eventuais situacións problemáticas para a convivencia, así como a súa prevención a través de formación en materia de saúde, identidade de xénero, identidade dixital -uso de redes sociais, etc -, ou loita contra o racismo e a xenofobia.

Ademais deste primeiro eixe, a estratexia contempla outros 4. Deles, o segundo pretende impulsar a investigación nesta materia, así como a difusión de casos de éxito e boas prácticas como exemplos para a prevención e para a actuación diante de conflitos, ben a través da elaboración de materiais que os recollan, ben mediante o intercambio de experiencias; así como a formación dos docentes nesta materia.

Preguntas

Segundo explicou o conselleiro, dependendo da etapa educativa e do colectivo ao que se dirixa o cuestionario terá un máximo de 20 preguntas, sinxelas e breves. Ademais, e  dado que hai preguntas aniñadas, o percorrido poderá variar segundo a resposta. Por exemplo, se un alumno responde ‘non’ á pregunta ‘hai problemas de convivencia na túa aula?’ non terá que dar resposta á cuestión ‘que tipo de problemas?’. Ao cuestionario accederase a través da internet, nunhas datas fixadas para cada centro ao longo das dúas semanas seguintes ao día 13.