A Consellería de Cultura e Educación colabora con outros 13 socios europeos no desenvolvemento do proxecto ‘EUfolio’ para a innovación educativa nas TIC

A iniciativa busca experimentar co uso de portfolios dixitais nas aulas

Lun, 11/05/2015 - 12:50

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora con outros 13 socios europeos no desenvolvemento do proxecto europeo ‘EUfolio’, unha iniciativa que deriva do grupo ‘TIC e educación’ do Programa ‘Formación 2020 e  Educación’, unha rede que inclúe 24 representantes dos  Ministerios de Educación da Unión Europea.

Varios centros de ensino galegos estiveron xa a traballar neste proxecto cun modelo piloto co que se pretende experimentar a utilización do ePortfolio en todas as materias apoiada por unha documentación suficiente que sirva como base para implementar e enfatizar os seus beneficios na avaliación do alumnado. Os centros galegos participantes no proxecto son os CPI O Cruce (Cerceda), de Vedra e Alfonso VII (Caldas), e os IES da Pobra do Caramiñal, Faro das Lúas (Vilanova de Arousa), Campo de San Alberto (Noia), Rodeira (Cangas), Fonmiñá (Pastoriza), Leliadoura (Ribeira), Río Miño (Rábade), Fontem Albei (A Fonsagrada), Asorey (Cambados), e Monte das Moas (A Coruña).

Estratexia transversal de goberno

A participación da Consellería enmárcase nas políticas de apoio ás novas tecnoloxías xunto coa estratexia transversal do goberno galego de promoción das TIC a todos os sectores de actividade, recollida no marco de negociación egoberno2013. Nese senso enlaza co programa Abalar que recolle, suma e incrementa os recursos existentes para acadar a resposta integral e de futuro aos retos que presenta a educación dos nosos nenos na sociedade dixital do século XXI.

Ademais, súmase á habitual participación do departamento educativo da Xunta neste tipo de proxectos europeos. Non en balde, a Consellería  participa na convocatoria 2015 nun proxecto de Innovación educativa centralizado dos que só se seleccionaron dous en toda Europa, baixo o título ‘Assessment of Transversal Skills 2020’. 

Portfolios dixitais

Ao abeiro do proxecto EUfolio desenvólvense dúas versións de ePortfolio para empregar nos países socios, así como guías de formación e directrices para a experimentación. Os ePortfolios resultantes do proxecto son espazos de traballo dixitais, dinámicos, do alumnado no que pode plasmar as súas ideas e o aprendizaxe, manexar o seu traballo e compartilo, reflectir sobre o mesmo, poñer metas e mostralo. Estas ferramentas, que os alumnos manexarán co apoio do profesorado, permitirán crear perfís, almacenar arquivos, crear resumos e publicar noticias.

A organización está deseñada dun xeito que se adecúa ás novas necesidades xurdidas polo ensino TIC e as  competencias do alumnado. Deste xeito, os alumnos poderán participar en redes sociais e foros de debate dun xeito lúdico e ao mesmo tempo didáctico. A isto hai que engadirlle que os produtos elaborados polos alumnos serán avaliados por eles mesmos e polo profesorado.

Estes modelos piloto xa foron postos en común o pasado 22 de abril en Dublín na conferencia final internacional do proxecto europeo ‘EUfolio’, na que participaron 250 persoas entre os que se profesores e alumnos, entre eles representantes da Xunta, do Ministerio e da Embaixada, entre outras autoridades.

A información e documentación sobre o proxecto pódese atopar en  http://eufolio.eu/