A Consellería de Cultura e Educación conmemorará o 17 de maio desde o ámbito deportivo coa II Carreira Camiño das Letras
As secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura poñen en marcha a segunda edición deste evento que ten como obxectivo celebrar as Letras Galegas e poñer en valor o Camiño de Santiago a través do deporte
Celebrarase o sábado 16 de maio, desde as 17:30 horas, e percorrerá 8 quilómetros da ruta xacobea desde A Lavacolla ata o Monte do Gozo
As inscricións xa están abertas en www.carreirasgalegas.com
Lun, 04/05/2015 - 13:58
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o secretario xeral de Política Li
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na rolda de prensa

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura, colabora coa II Carreira Camiño das Letras, unha proba cultural e deportiva que se celebrará o sábado 16 de maio ás 17:30 horas na capital de Galicia, na véspera do día grande das Letras Galegas.

Cun percorrido de 8 quilómetros pola ruta xacobea desde A Lavacolla ata o Monte do Gozo, a carreira, organizada por Xurdir, combina o simbolismo do Camiño de Santiago e mais o seu atractivo cultural e turístico coa conmemoración do Letras Galegas, que este ano a Real Academia Galega lle dedica ao polígrafo e humanista pontevedrés Xosé F. Filgueira Valverde.

O evento desportivo dérono a coñecer esta mañá Anxo Lorenzo e Valentín García, nunha rolda de prensa que acolleu a Sala Eisenman da Cidade da Cultura de Galicia, acompañados por Jorge Touriño, membro do equipo organizador da carreira; Pedro Nimo, atleta santiagués e campión de España de maratón; Roberto Vilar, presentador e padriño do evento; e Isidoro Hornillos, presidente da Federación Galega de Atletismo.

Festexar a lingua e a cultura galegas desde o deporte

O responsable de Política Lingüística explicou que un dos obxectivos da carreira “é incidir na promoción do uso do galego no deporte por medio dun evento no que participa especialmente a xente nova e no que queremos implicar tamén este ano á xente miúda, por medio das tres novas categorías que se inclúen como novidade”. "O deporte é un ámbito asociado a valores moi positivos que cómpre trasladar ao ámbito da lingua, como son o compañeirismo ou o espírito de superación”, rematou García Gómez.

Pola súa parte, o secretario xeral de Cultura destacou o interese de que na iniciativa dialoguen diferentes vertentes, como son “a literaria, a patrimonial e mais deportiva”, co obxectivo de favorecer a participación da cidadania na conmemoración das Letras Galegas, así como na difusión da nosa literatura e dos nosos escritores e escritoras.

II Carreira Camiño das Letras

A II Carreira Camiño das Letras terá lugar en Santiago o sábado 16 de maio, ás 17.30 horas. Para amosar a relevancia da nosa literatura e plasmar a importancia do Camiño de Santiago como unión entre os pobos e como mostra de sacrificio individual, faráselle entrega a cada participante dun libro e dun diploma Camiño das Letras.

Ademais, os tres primeiros clasificados da proba absoluta e de cada unha das categorías recibirán un trofeo e un lote de libros. Os tres primeiros clasificados das categorías de alevín a veterano recibirán un lote de libros e todos os participantes das categorías pitufo, benxamín e prebenxamín (as tres, incluídas como novidade desta segunda edición), recibirán un libro adaptado á súa idade. O centro escolar e o club cuxo maior número de alumnado remate a proba recibirán tamén un trofeo e un lote de libros.

Roberto Vilar, padriño da carreira

A II Carreira Camiño das Letras, que forma parte do calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, está apadriñada polo actor e presentador Roberto Vilar, que será o encargado de dar a saída na categoría absoluta, ademais de facer entrega dalgúns dos premios ao remataren as distintas probas.

A carreira constará dunha proba absoluta, de 8 quilómetros, que sairá ás 17:30 horas desde a estrada nacional 634 sen tránsito pegada ao aeroporto da Lavacolla ata o Monte do Gozo. Doutra parte, as categorías de menores (pitufo, benxamín-prebenxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil) realizarán as probas nun circuíto no Monte do Gozo a partir das 18:50 horas.

Inscrición

Todas aquelas persoas que desexen participar nesta festa cultural e deportiva poden inscribirse en www.carreirasgalegas.com ata o vindeiro 13 de maio ás 23:59 horas. A inscrición será gratuíta para as categorías de menores (pitufos, prebenxamín-benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil).

Actividades para conmemorar as Letras Galegas

Durante este ano, no que a Real Academia Galega lle dedica o 17 de maio a Xosé F. Filgueira Valverde, as Letras Galegas e as iniciativas de difusión da vida e da obra dese autor pontevedrés teñen un destacado protagonismo na axenda cultural de Galicia. Para apoiar o coñecemento e valoración social do polígrafo e da súa obra, a Consellería deseñou un amplo programa de actuacións, en colaboración con diferentes institucións, coa intención de lle outorgarlle á celebración un carácter transversal que implique o conxunto da sociedade.

Entre estas actividades destacan as exposicións “Xosé F. Filgueira Valverde (1906-1996). Un faro na construción de Galicia”, que acollen xa o Museo de Pontevedra e a Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela, e que chegarán a outros 21 puntos de Galicia ata finais de ano da man da Consellería de Cultura e Educación e da Deputación de Pontevedra.