Premios autonómicos

Recoñecemento ao autor galego máis lido polos clubs de lectura do ámbito educativo mediante o Premio dos Clubs de Lectura 2015
Xov, 23/04/2015 - 10:09

Xúntase a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 23 de abril de 2015, pola que se recoñece o autor galego máis lido polos clubs de lectura do ámbito educativo mediante o Premio dos Clubs de Lectura 2015.

Esta proposta encádrase na iniciativa para o incentivo dos Clubs de lectura en centros públicos que matriculan alumnado de secundaria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial, mediante convocatoria anual. A proposta de profesorado que coordina estes clubs de lectura quérese recoñecer o labor das autoras e dos autores galegos que facilitan cos seus libros a función do profesorado como mediadores de lectura e que concitan o interese das lectoras e dos lectores que participan nos clubs de lectura. Con esta finalidade establécese o Premio dos Clubs de Lectura que, cada ano, se outorgará ao autor ou á autora de obra en galego que resultase seleccionado polo maior número de clubs de lectura, mediante a lectura de un ou varios títulos, no curso precedente.   O galardón seralle entregado no transcurso da Xornada dos Clubs de Lectura, na que anualmente se reúne o profesorado que coordina estes clubs de lectura dos centros públicos de ensino secundario de Galicia.

Na Xornada dos Clubs de Lectura que se celebrará o vindeiro 5 de Xuño en Santiago de Compostela, concederáselle o Premio dos Clubs de Lectura 2015 ao escritor Agustín Fernández Paz, por ser o autor galego máis lido polos clubs de lectura durante o pasado curso 2013/2014. Nesta xornada recibirá a homenaxe do profesorado asistente e, por eles representados, de todos os lectores e lectoras participantes nos clubs de lectura dos centros de ensino secundario de Galicia.