Román Rodríguez salienta un investimento de máis de 2 millóns de euros na ampliación de centros educativos da Coruña

O conselleiro de Cultura e Educación anunciou esta mañá a construción de novas aulas no CEIP Manuel Murguía, obras que contan cun orzamento de 450.000 euros

Ademais visitou o novo edificio do CEIP Emilia Pardo Bazán, que abrirá as súas portas tras as vacacións de Semana Santa

Mér, 18/03/2015 - 11:50
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez,
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, na visita ao CEIP Manuel Murguía

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou esta mañá que o seu departamento ten previsto executar este mesmo ano a ampliación do CEIP Plurilingüe Manuel Murguía, o que suporá un investimento de 450.000 euros. Esta obra súmase á construción do novo aulario do CEIP Emilia Pardo Bazán – que abrirá as súas portas tras a Semana Santa-, conformando un investimento na ampliación de centros educativos na cidade herculina, de máis de 2 millóns de euros.

Cómpre lembrar que o investimento na construción de novas infraestruturas educativas na área de influencia da Coruña elévase a máis de 17,2 millóns de euros, contando coas obras en execución – novo CEIP de Oleiros, IES de Carral, IES de Culleredo-, así como as xa rematadas – novo aulario do CEIP Vales Vilamarín, en Betanzos; ampliación do CEIP Sada y sus Contornos e o propio Emilia Pardo Bazán-; e esta nova actuación no Manuel Murguía.

Segundo explicou o conselleiro, o obxectivo da reforma do edificio do CEIP Plurilingüe Manuel Murguía é dotalo de 4 aulas polivalentes e aulas de desdobre, que permitan unha mellor organización da actividade lectiva. Ademais, ampliarase o comedor, dotarase ao centro de patio cuberto e mellorarase a accesibilidade coa instalación dun ascensor.

O investimento enmárcase no plan de renovación e mellora de infraestruturas e equipamentos en centros educativos, que suporá un investimento de preto de 18,4 millóns de euros. Súmase, así mesmo, ao compromiso que o departamento educativo da Xunta mantén con este centro educativo que, ademais de pertencer á rede de plurilingües, conta con 6 seccións bilingües e cun auxiliar de conversa nativo.

Novo aulario do Pardo Bazán

Na súa visita ao CEIP Emilia Pardo Bazán o conselleiro puido comprobar como se están a dar os últimos retoques ao novo aulario, que abrirá as súas portas tras as vacacións de Semana Santa, unha vez xa finalizada a colocación do chan de linóleo – que precisou que a superficie estivera totalmente seca- e máis os traballos de limpeza. O novo volume, independente das dúas edificacións que existen agora e adaptado á orografía do terreo, ten unha superficie de 1.500 metros cadrados e capacidade para 225 alumnas e alumnos.

A nova infraestrutura divídese en dúas plantas. A primeira destinarase á docencia e acolle 9 aulas de infantil totalmente novas cos seus respectivos aseos, dúas unidades de apoio educativo, unha área de coordinación e orientación, unha sala de profesores, e unha nova zona de administración e servizos comúns. Na planta baixa sitúase o comedor –que tamén dará servizo aos alumnos de primaria- así como un local de servizos múltiples e outro local para a ANPA.

Así mesmo, dada a contorna do centro, o edificio tamén dispón dun soportal de acollida no seu acceso, pensado para facilitar a traída e recollida dos alumnos polos seus acompañantes.

Cómpre salientar que, ademais deste novo volume, a Consellería xa asumiu en anos anteriores o peche da pista polideportiva, a instalación dun ascensor así como, entre outras, melloras no sistema eléctrico e na calefacción. Ademais, o centro foi dotado con 148 netbooks ao abeiro do Proxecto Abalar.

Durante a súa visita o conselleiro estivo acompañado polo alcalde da Coruña, Carlos Negreira; pola a delegada da Xunta na provincia, Belén do Campo; e polo xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana; entre outras autoridades.