O director xeral de Educación asiste á inauguración do curso escolar no IES Rosalía de Castro

O centro, está catalogado entre os institutos históricos de Galicia, comezará este ano como plurilingües xunto a outro medio centenar na comunidade
Ven, 17/09/2010 - 17:05

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira, asistiu hoxe ao acto de comezo de curso que se celebrou no IES Rosalía de Castro, en Santiago de Compostela.

O centro, no que hoxe comezarán as clases1.500 alumnas e alumnos é un dos catro da cidade de Santiago que no presente curso escolar se estrean como plurilingües. Así o Rosalía de Castro impartirá Ciencias Sociais, Xeografía e Historia e Educación Física en inglés para estudantes de 1º de Educación Secundaria.

Durante a súa intervención o representante da Consellería de Educación destacou os resultados académicos, e os diversos premios recibidos por este instituto nos eidos da investigación, deportivo, da literatura ou da tecnoloxía, entre outros; mostra do esforzo de toda a comunidade educativa do centro.

Así mesmo, o director xeral de Educación lembrou o carácter histórico do instituto, “que desde o mesmo momento da súa fundación no século XVII converteuse nun foco de singular importancia cultural para a cidade de Santiago”, e “que ten albergado diferente institucións relacionadas coa cultura e o ensino, como a Escola de Arte, Escola de Música, Biblioteca Popular, Facultade de Dereito ou Museo Arqueolóxico”. Deste xeito, Jose Luis Mira destacou “o alto valor histórico e artístico” do edifico, motivo polo que “a Consellería de Educación ten promovido e realizado obras de mantemento e restauración para preservar a súa dignidade estética e a súa máxima operatividade docente”.

Para rematar, o director xeral de Educación agradeceu ao claustro, á comunidade educativo e ao equipo directivo o seu labor á fronte do proxecto deste centro e como responsable dos seus logros.

No mesmo acto José Luis Mira, xunto á concelleira de Educación de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón, así como o director do centro, Ubaldo Rueda, o resto do equipo directivo e docente, e os estudantes, asistiron á entrega de diplomas aos estudantes de Bacharelato Internacional, así como ás Matrículas de Honra no Bacharelato aos mellores expedientes nos distintos cursos.

Con actos como este e diferentes presentacións, hoxe deron comezo as clases para 3.689 estudantes de Secundaria en Santiago e 2.022 de Bacharelato. Pola súa banda na provincia o curso comezou sen incidencias na provincia para 34.813 e 13.063 alumnas e alumnos de Secundaria e Bacharelato respectivamente.