A Consellería de Educación destina máis de 1,2 millóns de euros a dotar os centros educativos de auxiliares de conversa

A Xunta de Galicia dá así un novo impulso ao Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras

Xov, 16/09/2010 - 18:31

A Consellería de Educación vai destinar máis de 1,2 millóns de euros a dotar os centros públicos de educación primaria e secundaria e as escolas oficiais de idiomas de Galicia de 213 auxiliares de conversa. Así, neste curso haberá un total de 260 auxiliares de conversa. Todos eles desenvolverán o seu labor en centros galegos sostidos con fondos públicos e este incremento supón multiplicar por 4 os que existían ata este curso.

No marco do Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras, os auxiliares de conversa incorporaranse aos centros de destino no mes de outubro, realizarán o seu labor nos centros ata finais do mes de maio de 2011 e prestarán o seu apoio ao ensino das linguas inglesa, francesa, alemá e chinesa.

Durante a súa estadía en Galicia os auxiliares asistirán o profesorado nas súas funcións específicas, que irán fundamentalmente encamiñadas a reforzar as destrezas comunicativas na lingua estranxeira que curse o alumnado. Entre as distintas funcións que poderá realizar están as de axudar o profesorado a planificar as clases e asistilo na aula como apoio lingüístico; fomentar o interese do alumando pola lingua e cultura dos países de fala da correspondente lingua estranxeira, ou dar clases de conversa para os docentes que estean a impartir ou vaian impartir no futuro as súas materias noutro idioma. Ademais, estas persoas poderán participar en actividades extraescolares de diferente índole, tales como culturais, deportivas, viaxes de estudos, etc.

Co incremento de auxiliares, a Consellería de Educación fai unha firme aposta para que o alumnado e o profesorado galego teña a oportunidade de mellorar as competencias lingüísticas, aprender e falar a lingua estranxeira, o que lles permitirá participar activamente no mundo actual, multicultural e plurilingüe.

Deste xeito, os auxiliares contribúen ao obxectivo do Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras, fundamentado en lograr que o alumnado, ao remate da súa educación e formación escolar, teña unhas competencias de comprensión e expresión orais e escritas nunha lingua estranxeira, basicamente en inglés, que lle permitan ser un usuario independente nela, así como dotar progresivamente o profesorado das competencias didácticas e lingüísticas necesarias para que o alumnado acade a referida formación.