O conselleiro de Cultura e Educación anuncia a ampliación dos viveiros de empresa dos CIFP A Farixa e A Carballeira-Marcos Valcárcel e a creación dun novo en Verín en colaboración con Zona Franca de Vigo

Xesús Vázquez Abad visitou hoxe o centro, onde participou nunha das xornadas formativas para os alumnos inscritos no programa Atrévete

Ven, 30/01/2015 - 13:25
O conselleiro de Cultura e Educación anuncia a ampliación dos viveiros de empres
O conselleiro de Cultura e Educación anuncia a ampliación dos viveiros de empresa dos CIFP A Farixa e A Carballeira-Marcos Valcárcel e a creación dun novo en Verín en colaboración con Zona Franca de Vigo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, anunciou hoxe que o seu departamento vai asinar un protocolo de colaboración co Consorcio Zona Franca de Vigo para a ampliación do viveiro de empresa do CIFP A Farixa, do do CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel e para a creación dun novo no IES García Barbón de Verín. Segundo explicou a delegada do Consorcio, Teresa Pedrosa, o orzamento para estas actuacións na provincia de Ourense ascenderá a 60.000 euros en total; aínda que a colaboración coa Consellería neste sentido incluirá tamén accións na provincia de Pontevedra, de tal forma que o investimento total será de 120.000 euros.

Ademais o conselleiro lembrou que tanto o IES García Barbón como o IES Lauro Olmo como (Verín) e o IES Universidade Laboral de Ourense recibirán material doado por PSA Peugeot Citroën á Consellería, en concreto un motor para os institutos de Verín e O Barco, e un vehículo C4 Picasso para o centro da cidade das Burgas.

Na súa visita ao CIFP A Farixa o conselleiro quixo salientar o crecemento que ten experimentado o viveiro deste centro desde a súa apertura – en xaneiro de 2014-, o que fai necesario amplialo. “É unha gran satisfacción – engadiu- comprobar como outras institucións se interesan na ampliación e desenvolvemento da Rede de Viveiros de Empresa en centros educativos de Galicia, que constitúen unha clara oportunidade para que esta xeración de titulados poda emprender e construír o seu futuro sobre as bases sólidas do asesoramento tanto dos profesionais do ensino como de persoas que iniciaron antes os seus proxectos”. Neste sentido cómpre lembrar que estes espazos están abertos aos titulados de FP e de todas as ensinanzas postobrigatorias que queiran poñer en marcha os seus proxectos de empresa, para o que se lles ofrece asesoramento gratuíto.

De feito, neste momento no viveiro do CIFP A Farixa hai 3 persoas traballando en 2 iniciativas. Ademais, xa está a desenvolver a súa actividade fóra do viveiro unha produtora audiovisual que naceu neste espazo.

Durante a visita o conselleiro estivo acompañado pola delegada do Consorcio da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa; polo delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; pola xefa territorial da Consellería na provincia, Mercedes Gallego; pola subdirectora xeral de FP, María Eugenia Pérez; ademais de polo director do centro, José Miguel Reza, e por membros do equipo docente. Ademais da visita ao viveiro, o conselleiro participou tamén na clausura dunha das xornadas formativas para os alumnos inscritos no programa Atrévete, que se celebraba hoxe neste CIFP.

Viveiros por provincias

A Rede de Viveiros de Empresa en centros educativos está conformada por 17 viveiros. Así, na provincia da Coruña existen 6 viveiros, con 7 empresas en distintas fases e 1 empresa funcionando fóra do viveiro. Trátase do CIFP Ánxel Casal-Monte Alto, do CIFP Someso (ambos na cidade da Coruña); 1 no CIFP Politécnico de Santiago; e 2 en Ferrol (un deles no CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro e outro no CIFP Ferroltera); e 1 no IES de Fene

Na provincia de Lugo existen 3 viveiros con 2 empresas funcionando xa. Son dous na cidade da Muralla (o CIFP Politécnico de Lugo e o CIFP as Mercedes) e un terceiro no CIFP Porta da Auga en Ribadeo.

En Ourense existen 3 viveiros e 11 empresas con proxectos en distintas fases e outras 3 empresas xa funcionando fóra do viveiro. Trátase dos viveiros do CIFP Portovello, do CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel, e do CIFP A Farixa, todos eles en Ourense cidade.

Finalmente en Pontevedra existen 5 viveiros con 12 empresas en distintas fases e 9 xa funcionando fóra do viveiros. Dous dos viveiros están en Pontevedra cidade (IES Luís Seoane e CIFP A Xunqueira); outros dous en Vigo (CIFP Manuel Antonio e IES Ricardo Mella), e outro no CIFP A Granxa en Ponteareas.