Cultura e Educación organiza encontros da escritora Elena Gallego Abad co alumnado participante no proxecto de dinamización lngüística Dragal
Este ano Dragal case duplica a súa presenza en centros educativos e incorpora, ademais das visitas de Elena Gallego, sesións de contacontos profesionais e mais a renovación do wiki co que se traballa no proxecto
Os encontros desenvólvense entre o 19 e o 29 de xaneiro nos 11 centros educativos implicados este ano neste proxecto multimedia que anima o alumnado a ler, a crear e a investigar en galego
O secretario xeral de Política Lingüística acompañou esta mañá a escritora na súa visita ao IES Puga Ramón da Coruña e coñeceu de primeira man a marcha das actividades do Proxecto Dragal neste instituto
Xov, 22/01/2015 - 13:41

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dá un paso máis no desenvolvemento da segunda edición do proxecto de dinamización lingüística Dragal ao organizar entre o 19 e o 29 de xaneiro visitas da escritora Elena Gallego Abad, autora da triloxía en que se basea o proxecto, aos 11 CPI e institutos participantes, duplicando case o número do curso pasado.

Os encontros coa escritora son unha das novidades con que conta o Proxecto Dragal este ano, pero non a única. Entre marzo e maio os centros de secundaria participantes recibirán a visita  dun contacontos profesional que lle poñerá o ramo á actividade “detective de lendas”, coa que o alumnado se achegará á investigación arredor da Galicia máxica. Ademais, o wiki do proxecto, onde os estudantes realizan e comparten os seus traballos, renóvase este curso incorporando novas funcionalidades que o fan máis atractivo, áxil e eficaz.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, acompañou esta mañá a autora na súa visita ao IES Puga Ramón da Coruña, o que lle permitiu coñecer de primeira man o desenvolvemento do Proxecto Dragal no dito centro educativo. García Gómez asistiu á charla da escritora, conversou co alumnado e visitou o instituto, que, durante o primeiro trimestre, foi ambientado polos estudantes con motivos relacionados coa triloxía de Elena Gallego. Fíxoo acompañado por esta; polo xefe territorial da Consellería de Cultura e Educación na Coruña, Indalecio Cabana; pola coordinadoras central e provincial dos equipos de dinamización da lingua galega, Xulia Marqués Valea e Pura Galán, respectivamente; pola coordinadora do Proxecto Dragal no instituto, María Dolores Cid, e pola coordinadora no centro do equipo de dinamización da lingua galega, María Irene Correia.

Na súa intervención, o secretario xeral animou o alumnado a participar con entusiasmo nas tarefas do Proxecto Dragal e a “continuar usando a lingua galega para ler, para comunicarse en internet, para falar...” máis alá dos muros do instituto.

Encontros en  11 centros educativos

Da man do Proxecto Dragal, a escritora Elena Gallego visitou este luns 19 de xaneiro o IES de Valga e o IES A Pobra do Caramiñal, o martes 20 estivo no IES Alfoz-Valadouro e o mércores no IES de Becerreá. Esta mesma tarde, visitará o CPI Virxe da Cela de Monfero e, na vindeira semana, o IES Castro Alobre e o IES Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa (27 de xaneiro), o CPI da Cañiza (28 de xaneiro), o IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia e o IES Taboada Chivite de Verín (ambos o 29 de xaneiro). O percorrido pecharase coa participación da escritora nunha videoconferencia que poñerá en contacto o alumnado dos 11 centros educativos que participan no Proxecto Dragal.

Durante as visitas, a escritora é presentada no instituto polo coordinador ou coordinadora territorial dos equipos de dinamización da lingua galega, percorre o centro para apreciar o labor de ambientación ou dragalización realizado polo alumnado no primeiro trimestre e  mantén un encontro cos estudantes no curso do cal comparte co alumnado as razóns que a levaron a abordar na triloxía Dragal a temática dos dragóns e analiza elementos da cultura galega en que esta está presente. Refírese tamén a autora ao labor de documentación previo á escrita das novelas en que se basea o proxecto.

Proxecto Dragal

O encontro celebrado esta mañá no IES Puga Ramón da Coruña enmárcase nunha experiencia que a Consellería –a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística- está desenvolvendo por segundo ano en centros de educación secundaria das catro provincias galegas. Trátase do Proxecto Dragal, unha iniciativa multimedia de dinamización lingüística con base na triloxía homónima de Elena Gallego Abad, que promove a lectura, a creación e a investigación multidisciplinares en galego.

Se no primeiro ano participaron na experiencia sete CPI e institutos, este ano o programa esténdese a catro centros máis. Deste xeito, 659 e alumnas de primeiro e segundo da ESO das catro provincias e 55 docentes participan este curso no Proxecto Dragal da man dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, encargada de coordinalos.

Dinamización lingüística no ensino

O Proxecto Dragal forma parte das liñas de traballo da Consellería de Cultura e Educación para promover o uso do galego no ensino, xunto coas axudas aos equipos de dinamización da lingua galega, os proxectos de innovación en dinamización lingüística ou o programa Nós tamén creamos!

Pódese atopar información sobre todas estas convocatorias e programas no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.lingua.gal.