Educación amplia en 100 as prazas para realizar o practicum do máster de profesorado tras asinar un convenio coa UNED

No encontro entre Xesús Vázquez Abad e o reitor da universidade a distancia tamén se acordou a realización de actividades de formación permanente para o profesorado destes estudos conducentes á docencia

Mér, 15/09/2010 - 14:20
O conselleiro de Educación firmando o convenio co reitor da UNED.
O conselleiro de Educación firmando o convenio co reitor da UNED.

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou esta mañá un acordo para ampliar en cen o número de prazas para a realización das prácticas do Máster en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas en Galicia no curso presente curso. O acordo, con validez para o presente curso, foi asinado co reitor da Universidade Nacional de Educación a Distancia, Juan Antonio Gimeno Ullastres. No acto, celebrado en San Caetano, estivo presente o secretario xeral de universidades, José Alberto Díez de Castro.

Con este acordo establécese un programa de cooperación a través do cal os estudantes matriculados nos estudos conducentes á docencia pola UNED poderán cumplimentar a formación teórica coa realización das prácticas precisas para o desenvolvemento de actividades profesionais. O alumnado poderá completar a súa formación a través dun dos 250 centros nos que se desenvolve esta etapa.

No documento asinado concrétase que haberá 12 prazas para matemáticas, e outras tantas para inglés, física e química, e castelán e literatura. Por outra banda haberá 10 postos para xeografía e historia e outras 10 para francés. O resto de postos quedarán repartidos entre filosofía, orientación educativa, economía e administración de empresa, tecnoloxía, intervención sociocomunitaria, italiano, grego e latín, cada unha das especialidades con catro vacantes.

Os estudantes que ocuparán cada unha desta prazas serán seleccionados pola propia UNED, asemade unha vez rematado este período esta entidade universitaria recoñecerá o valor das prácticas realizadas.

Outros acordos

Por outra banda, no mesmo encontro tamén se asinou un acordo para a realización de actividades de formación permanente do profesorado, por virtude do cal a Consellería recoñecerá como formación as actividades propostas pola comisión de seguimento, e a UNED facilitará a participación do profesorado que imparta docencia en centros dependentes da Consellería na oferta xeral de cursos da UNED.

No mesmo encontro o conselleiro de Educación da Xunta e o reitor da UNED tamén asinaron un acordo para a realización de prácticas do alumnado das titulacións de Psicoloxía, Psicopedagoxía, Pedagoxía, e Educación Social nos centros e institucións educativas dependentes da administración galega. En ditas prácticas a UNED actuará como coordinador e os reponsables serán os profesores universitarios encargados de cada materia. Ao remate do período de prácticas os estudantes deberán presentar unha memoria sobre o traballo realizado.