Xesús Vázquez Abad anuncia unha inxección de 481.000 euros do seu departamento no Camiño Francés ao seu paso por Sarria, a través de investimentos en patrimonio cultural

O conselleiro de Cultura e Educación visitou a igrexa de San Salvador, onde anunciou que xa están en licitación as obras de rehabilitación deste templo por un importe de 297.000 euros

Así mesmo anunciou que está previsto realizar a segunda fase da restauración da igrexa do Mosteiro da Magdalena

Tamén visitou o templo de Santa María da Pena, onde se están a realizar traballos de restauración das pinturas murais

Lun, 29/12/2014 - 14:27
Xesús Vázquez Abad anuncia unha inxección de 481.000 euros do seu departamento n
Xesús Vázquez Abad anuncia unha inxección de 481.000 euros do seu departamento no Camiño Francés ao seu paso por Sarria, a través de investimentos en patrimonio cultural

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, fixo pública hoxe unha inxección de 481.000 euros do departamento que dirixe no Camiño Francés ao seu paso por Sarria, a través de investimentos no patrimonio cultural desta localidade lucense. Neste sentido o conselleiro tamén salientou que o seu departamento xa ten en licitación as obras de rehabilitación da igrexa de San Salvador de Sarria por un importe de 297.000 euros. Do mesmo xeito “está previsto realizar as obras da segunda fase da restauración da igrexa do Mosteiro da Magdalena, que elevarían o investimento da Consellería neste templo a máis de 169.000 euros. Ademais, está en execución a restauración da pintura mural da igrexa de Santa María da Pena, cun orzamento de case 15.000 euros”, engadiu.

Na visita o conselleiro estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta de Galicia, Raquel Arias, polo secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén e polo alcalde de Sarria, José Antonio García López.

Igrexa de Santa María da Pena

O conselleiro aproveitou a súa visita a Sarria para comprobar in situ o avance dos traballos de restauración da pintura mural da igrexa de Santa María da Pena, que presentaban danos froito das alteracións de temperatura, humidade e ventilación, entre outros factores.

A rehabilitación do conxunto pictórico contempla a consolidación da policromía e do soporte así como a realización de diversos traballos de limpeza e de reposición e reintegracións de morteiros nas fendas. Os traballos, cun orzamento de 14.672 euros e moi complexos polas condicións de humidade e temperatura, están xa moi avanzados.

Igrexa monacal da Magdalena

Xesús Vázquez Abad visitou tamén acompañado polo comendador, Eduardo Prieto a igrexa do Mosteiro da Magdalena, na que xa está previsto realizar a segunda fase das obras de restauración, que completa os traballos realizados nos anos 2013 e 2014 sobre as bóvedas de barrotillo situadas sobre a nave principal e lateral e sobre parte dos paramentos verticais; elevando o investimento da Consellería nesta igrexa a máis de 169.000 euros.

As novas actuacións centraríanse en rematar a restauración dos paramentos interiores da igrexa actuando sobre as capelas e paramentos non relacionados coas bóvedas xa reparadas, reparar das carpinterías exteriores e mellorar e renovar as instalacións de electricidade e iluminación da igrexa, completando así a recuperación e restauración do espazo interior do templo. Cómpre sinalar o significado desta igrexa, que conserva na súa ábsida os últimos vestixios da época de fundación do mosteiro, no século XII por frades italianos de orixe románica. A primeira fase destes traballos consistiron na restauración das bóvedas

Todas estas actuacións poñen de manifesto o labor continuado de rehabilitación e posta en valor dos elementos máis senlleiros do noso patrimonio cultural que está a desenvolver o departamento dirixido por Vázquez Abad, especialmente remarcables no actual contexto económico.