A Consellería de Educación recorda que o vindeiro 20 de setembro haberá unha reunión da comisión de financiamento universitario

A Secretaria Xeral de Universidades lembra que o novo plan modificará o financiamento das universidades en función de que acaden os obxectivos fixados
Lun, 13/09/2010 - 14:41

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria recorda que o vindeiro luns 20 de setembro está convocada unha reunión da comisión de financiamento delegada do Consello Galego de Universidades (CGU) para consensuar o panel de indicadores do plan de financiamento. Deste modo a Consellería está a cumprir cos prazos acordados no Consello Galego de Universidades celebrado o pasado mes xullo, onde por unanimidade se estableceu unha folla de ruta cuns criterios básicos para o reparte das cantidades ás tres universidades no vindeiro quinquenio.

Deste xeito a Consellería asegura, unha vez máis, que se está a traballar na distribución de fondos para as universidades galegas e, polo tanto, en beneficio dos estudantes. Se ben non se pode esquecer que desde hai anos o financiamento das universidades non está baseado no reparto de cartos por estudantes, senón no gasto corrente das universidades; fundamentalmente no custe do cadro de persoal segundo ven reflectido no actual Plan de Financiamento do Sistema Universitarios de Galicia (2005-2010), que foi asinado o 29 de novembro de 2004 polos entonces reitores das universidades galegas.

Bases do plan

Desde a Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Educación recórdase que as bases para o novo plan de financiamento, que entrará en funcionamento no 2011, establecen mecanismos como o plan de sustentabilidade e o panel de indicadores.

Deste modo poderase, de xeito gradual, modificar o financiamento das universidades en función de que acaden os obxectivos fixados, dando unha resposta aos esforzos reais e aos seus resultados.