A Xunta presenta o libro ‘As mulleres na Universidade: elección profesional’, unha radiografía da muller no ámbito universitario galego

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, salientou que os datos que se desprenden do estudo axudarán ao deseño de estratexias axeitadas que contribúan ao desenvolvemento igualitario entre mulleres e homes en todas as áreas de coñecemento

Ven, 12/12/2014 - 17:22
A Xunta presenta o libro ‘As mulleres na Universidade: elección profesional’, un
A Xunta presenta o libro ‘As mulleres na Universidade: elección profesional’, unha radiografía da muller no ámbito universitario galego

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presenta o libro ‘As mulleres na Universidade: elección profesional’, unha obra na que se realiza unha análise de cal é a situación actual do colectivo feminino no ámbito da ciencia e da tecnoloxía en Galicia, a través de datos estatísticos.

O libro enmarcase dentro das accións da Unidade de Muller e Ciencia de Galicia, da que forman parte tanto a Vicepresidencia da Xunta –a través da Secretaría Xeral da Igualdade-, como a Consellería de Cultura e Educación, a Consellería de Economía e Industria, a Consellería de Sanidade e a Amtega; e nel faise unha radiografía das mulleres dentro do ámbito universitario galego a través dunha análise da elección de titulación e de escudriñar as respostas acerca de cómo ven as mulleres o seu futuro desenvolvemento profesional.

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, foi o encargado da presentación deste volume, nun acto que tivo lugar esta mañá na Cidade da Cultura e que tamén contou coa presenza da subdirectora xeral de Promoción da Igualdade, María Pilar García-Rodeja.

Díez de Castro puxo en valor este tipo de estudos na medida en que, por unha parte ofrece un diagnóstico das necesidades sobre as cales se pode desenvolver unha intervención pública e, doutra banda, permiten o deseño de estratexias axeitadas para o desenvolvemento igualitario entre mulleres e homes en todas as áreas de coñecemento.

Así mesmo, o secretario xeral de Universidades salientou o compromiso do Goberno galego con liñas básicas como son o incremento  da presenza das mulleres nos ámbitos científico e tecnolóxico en Galicia, coa eliminación de desequilibrios no relativo á formación científica e coa necesidade de introducir nun primeiro plano a perspectiva de xénero nos estudos e actividades científicas.

Nesa mesma liña, a subdirectora de Promoción da Igualdade da Xunta, María Pilar García-Rodeja, incidiu tamén en que a tarefa de visibilización é moi relevante, “en tanto que permite dotar as mulleres máis novas de modelos femininos en todos os campos e que se interiorice socialmente esta presenza”.