O conselleiro de Cultura e Educación visita o novo laboratorio de idiomas instalado en colaboración coa Fundación Paideia no CEIP Plurilingüe Alexandre Rodríguez Cadarso (Noia)

Vázquez Abad salientou o compromiso do seu departamento con este centro, no que se teñen investido máis de 311.000 euros nos últimos anos

Mar, 09/12/2014 - 14:05
O conselleiro de Cultura e Educación visita o novo laboratorio de idiomas
O conselleiro de Cultura e Educación visita o novo laboratorio de idiomas instalado en colaboración coa Fundación Paideia no CEIP Plurilingüe Alexandre Rodríguez Cadarso (Noia)

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o xerente da Fundación Paideia, Guillermo Vergara, visitaron hoxe o novo laboratorio de idiomas do CEIP Plurilingüe Alexandre Rodríguez Cadarso (Noia), instalado ao abeiro da colaboración entre ambas as dúas entidades. O obxectivo deste traballo conxunto, que a Consellería e a Fundación levan desenvolvendo varios anos, é dotar aos centros educativos dunha completa aula dixital enfocada fundamentalmente ao ensino de linguas estranxeiras, pero que tamén pode ser empregada para o traballo en outras materias.

Durante o seu percorrido polo CEIP, no que tamén estivo acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal; o conselleiro tivo a oportunidade de coñecer o funcionamento desta aula cuxos ordenadores foron achegados pola Consellería, que contribuíu ademais ao proxecto realizando a adecuación de espazos necesaria para a instalación do laboratorio.

Vázquez Abad quixo agradecer aos equipos directivo e docente a súa implicación no desenvolvemento de programas educativos innovadores, en prol da calidade do ensino. “Estamos a falar dun centro plurilingüe, moi activo, que participa no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares desde hai 8 cursos, e que conta con 2 aulas Abalar. Pola nosa parte desde a Consellería temos amosado un grande apoio a este centro, cun investimento que supera os 311.000 euros e grazas ao que tamén se puideron realizar melloras fundamentalmente na accesibilidade ao centro e na cuberta”, sinalou o conselleiro.

Así mesmo, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia quixo agradecer á Fundación Paidea “o seu compromiso co sistema educativo galego, manifestado tanto a través deste proxecto que cada ano desenvolvemos nun centro educativo diferente, como a través de outras accións en materia de FP e mesmo cos premios musicais Mans Futuro”.