Clausura do Programa “Mentoring para directores de centros educativos”

Presidida polo Director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e o Director Xeral da Fundación Barrié
Mér, 03/12/2014 - 11:49
mentoring

O martes, 2 de decembro tivo lugar no CAFI a clausura do Programa “Mentoring para directores de centros educativos”, presidida polo Director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e o Director Xeral da Fundación Barrié. Asistiron os 8 directores e directoras que participaron neste Programa, así como os respectivos Mentores cos que traballaron dende o inicio alá polo mes de febreiro deste ano e que achegaron a súa experiencia como directores de RR.HH de importantes empresas galegas, con amplos coñecementos e experiencia no desenvolvemento de habilidades directivas e liderado. Este Programa piloto nace da colaboración entre a Fundación Barrié e a Consellería de Educación e Cultura, aproveitando a experiencia da rede de mentoring da Fundación “MentoresBarrié”, rede formada por profesionais, directivos, investigadores e empresarios de diferentes ámbitos e sectores que de maneira altruísta, poñen en valor os seus coñecementos e experiencia, axudando a outros no seu desempeño.

O mentoring é unha metodoloxía destinada a desenvolver o potencial das persoas,baseada na transferencia de coñecementos e na aprendizaxe a través da experiencia. Nun proceso de mentoring, unha persoa de máis experiencia (mentor) guía, axuda, alenta e apoia a outra (mentee) a desenvolver todo o seu potencial para aplicalo a todas as situacións da vida persoal e profesional, obtendo os mellores resultados e acadando os obxectivos propostos. A estrutura deste Programa constou de sesións grupais en formato obradoiro e dun proceso individual de mentoring que realizou cada mentor co seu mentee. Os resultados finais presentados nesta xornada de clausura amosaron unha avaliación extraordinariamente positiva tanto por parte dos mentees como dos mentores, o cal abre expectativas de continuidade para este tipo de formación.