Cultura e Educación impulsa as actividades colaborativas na biblioteca escolar a través da convocatoria da segunda edición da iniciativa “Voluntariado de Lectura-A”

Un total de 44 centros educativos participaron no curso 2013/2014 neste programa, organizada en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar

Mar, 25/11/2014 - 14:38
Cultura e Educación impulsa as actividades colaborativas na biblioteca escolar a
Cultura e Educación impulsa as actividades colaborativas na biblioteca escolar a través da convocatoria da segunda edición da iniciativa “Voluntariado de Lectura-A”

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de lanzar a segunda edición do programa Voluntariado de Lectura A, unha iniciativa dirixida a promover as actitudes colaborativas e a solidariedade no marco da biblioteca escolar que se convocou por primeira vez o pasado ano en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar. Así, ao igual que ocorreu no curso 2013/2014 esta iniciativa está integrada nos programas de voluntariado da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, polo que todos os estudantes participantes  recibirán un diploma acreditativo polo seu labor de voluntariado de lectura.

O programa está dirixido a alumnas e alumnos de 5º e 6º de primaria dos centros educativos públicos e intégrase na estratexia do departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad para dinamizar as bibliotecas escolares como centros de recursos de información, de alfabetización dixital e de dinamización da lectura, tanto para o propio alumnado como para as súas familias, baixo o paraugas do Plan LÍA 2010/2015 de Bibliotecas Escolares para a Lectura, a Información e a Aprendizaxe. O obxectivo é estimular o voluntariado cultural a través de actividades de colaboración na propia biblioteca e mesmo de lectura compartida organizadas dentro ou fóra do centro, coa posibilidade de incorporar a participación de outros sectores da comunidade educativa.

Os centros interesados poderán presentar a súa solicitade ata o 15 de decembro e terán ata o 25 de abril de 2015 para remitir á Consellería a memoria das actividades desenvolvidas ao longo do curso, todas elas dirixidas a inculcar a solidariedade no alumnado. De entre todos os participantes seleccionarase a un máximo de 50 nenas e nenos, con representación das 4 provincias galegas, que participarán nunhas xornadas de convivencia que se desenvolverán no Centro Residencia Docente da Coruña entre maio e xuño do ano próximo.

No curso 2013/2014 participaron nesta iniciativa un total de 44 centros educativos, dos que 4 - os CEIP José María Lage (Ortigueira, A Coruña), Plurilingüe de Covas (Viveiro, Lugo), Filomena Dato (Barbadás, Ourense) e Manuel Sieiro (Crecente, Pontevedra)- foron seleccionados para participar nas Xornadas de Convivencia de voluntariado cultural relacionado coa lectura. Neste encontro os participantes asistiron a diversos obradoiros, nos que se incidiu nos valores do voluntariado, con carácter xeral, e nas posibilidades do voluntariado cultural, o cooperativismo, os xogos tradicionais, a narración oral, o labor das ONG, os traballos solidarios e outros; e puideron presentar as actividades desenvolvidas neste aspecto en cadanseu centro.

O profesorado implicado valorou moi positivamente a iniciativa “Voluntariado de lectura-A”, afirmando que o alumnado participante ao longo do curso no grupo de colaboradores da biblioteca escolar adquiriu habilidades sociais e de traballo en equipo, mellorou a súa competencia lingüística, gañou autonomía, aprendeu a tomar decisións en grupo, a organizar actividades pensadas no beneficio dos outros, a ser máis responsable e cumplir cos compromisos adquiridos. En definitiva, colaborar na biblioteca escolar é unha actividade que axuda á formación do alumnado como lector, como estudante e como cidadán.

Modalidades

 ‘Voluntariado de Lectura-A’ ten tres modalidades: ‘Colaboración coa biblioteca escolar’, ‘Ler con... D’ e ‘Ler con... F’. A primeira delas vai dirixida  ao alumnado que forme parte do equipo de colaboradores que xunto co profesorado, e baixo a súa supervisión, contribúen ao bo funcionamento da biblioteca do centro.

Pola súa parte,  ‘Ler con... D’ (Lecturas compartidas dentro do centro) vai dirixido aos participantes que desenvolvan actividades de acompañamento na lectura a outros compañeiros ou compañeiras, dentro ou fóra do horario lectivo (as denominadas “apadriñamentos lectores”, ou outras).

No caso de ‘Ler con... F’ (Lecturas compartidas fóra do centro), comprende as actividades de acompañamento na lectura realizadas fóra do centro, tanto con outros nenos e nenas de escolas infantís, outros colexios, biblioteca pública ou institucións do concello, como con anciáns nas residencias de maiores,  lectura a enfermos nos hospitais, entre outras. Tamén poderán incluírse neste apartado actividades nas que o alumnado teña unha participación activa na organización e desenvolvemento de actividades de lectura pública na parroquia, a vila ou o barrio.