O conselleiro de Cultura e Educación salienta na entrega do Premio Blanco Amor a importancia da narrativa galega como “retrato do que significamos en Europa”

O xornalista vigués Fran P. Lorenzo recibiu este galardón pola súa primeira novela ‘Cabalos e lobos’

Sáb, 22/11/2014 - 13:00
O xornalista vigués Fran P. Lorenzo recibiu este galardón pola súa primeira nove
O xornalista vigués Fran P. Lorenzo recibiu este galardón pola súa primeira novela ‘Cabalos e lobos’

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe no acto de entrega do XXXII Premio Blanco Amor de Novela Longa ao xornalista vigués Fran P. Lorenzo por ‘Cabalos e lobos’. Na súa intervención o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia fixo referencia á recente estrea da película baseada en ‘A Esmorga’ tanto esta novela de Blanco Amor como a gañadora desta edición do galardón como “un espazo vizoso ocupado por unha infinidade de páxinas nas que as galegas e galegos aparecemos nas nosas verdadeiras dimensións”. Neste sentido salientou a importancia da narrativa galega “que vén facendo un retrato preciso do que significamos nesta estrema Europa; no que transformamos coa nosa presenza os elementos intanxibles procedentes agora de calquera recanto do mundo e incorporados dun xeito natural ao noso ser”.

Ademais de Xesús Vázquez e o propio galardoado no acto participaron na entrega do premio o alcalde de Redondela, Javier Bas; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e parte do equipo do filme 'A Esmorga', produción apoiada pola Consellería cunha achega de 335.000 euros en concepto de axudas á produción ou coprodución audiovisual en lingua galega con marcado contido artístico e cultural. O acto completouse coa música de María do Ceo e coa reprodución dun vídeo sobre a vida de Blanco Amor e dun fragmento do devandito filme.

Dotado con 12.000 euros e cun recoñecido prestixio no panorama literario galego, o premio Blanco Amor distingue desde 1981 unha novela galega ao ano, sendo a súa organización rotatoria entre diferentes concellos galegos. A este respecto Vázquez Abad quixo felicitar aos 52 concellos de Galicia “que manteñen o prestixio deste galardón Blanco Amor, entre os que Redondela merece agora unha mención especial, como encargado da edición de 2014 e como promotor da idea, hai 33 anos, para lanzar ao público unha serie de obras que se van convertendo en clave para a literatura galega”.

Nesta edición o xurado, conformado por Xosé Luis Franco Grande, Camino Noia Campos, Olivia Rodríguez e Xosé Antonio Palacio; decidiu outorgar o galardón a Lorenzo pola súa primeira novela. ‘Cabalos e Lobos’ narra a historia dunha familia xermana mesturada cos acontecementos da Alemaña e da Europa do século XX e coa cidade de Vigo como escenario.