Xesús Vázquez Abad destaca a aposta da Consellería de Cultura e Educación por poñer en valor o legado de persoeiros como o compositor Reveriano Soutullo

O conselleiro participou no III Simposio en homenaxe ao músico ponteareán, que coincide coa celebración do Día Internacional da Música
No encontro presentáronse as novas edicións de dúas obras cuxa recuperación foi posible grazas ao apoio do departamento cultural da Xunta
Sáb, 22/11/2014 - 11:00
 O conselleiro participou no III Simposio en homenaxe ao músico ponteareán, que
O conselleiro participou no III Simposio en homenaxe ao músico ponteareán, que coincide coa celebración do Día Internacional da Música

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe no III Simposio sobre a figura do músico e compositor Reveriano Soutullo, que analiza a figura deste insigne ponteareán de nacemento e vigués de adopción, e no que se expón tamén unha parte dos traballos de investigación que se veñen realizando desde hai anos sobre a figura de Soutullo.

Na súa intervención Vázquez Abad salientou que este evento é a expresión dun recoñecemento a quen “desde a súa orixe galega, tomou parte activa nas correntes musicais dun momento extraordinario do século XX”.

O conselleiro lembrou que unha das moitas liñas de traballo do departamento que dirixe é “dispoñer os nosos recursos a prol da difusión dos valores importantes que nos foi legando a historia” e poñer un especial énfase en “dar visibilidade a persoas do talle de Reveriano Soutullo”.

Precisamente nesta liña, a Consellería de Cultura e Educación, coa colaboración do Concello de Ponteareas, asumiu a edición de dúas novas partituras do compositor ponteareán, que foron presentadas no marco deste simposio. Trátase das obras ‘En noche de luna. Colección de seis piezas fáciles para piano’ e ‘Nocturno Vigo, para violín e piano’ que, dado o seu valor pedagóxico “están chamadas a formar parte dos programas dos conservatorios de música, tal vez máis alá da nosa comunidade”, subliñou o conselleiro.

Vázquez Abad aproveitou a súa intervención agradecer o traballo musicolóxico de investigadores, intérpretes e estudosos da figura de Soutullo, así como ao Concello ponteareano, aos membros da Fundación do compositor e para a editorial Acordes, “polo seu entusiasmo e entrega a prol da figura dun dos máis ilustres fillos desta vila que hoxe nos acolle”.

O debate do simposio xira, sobre todo, arredor dos traballos de investigación levados a cabo nos arquivos da Banda Municipal de Vigo. Cómpre lembrar que xa desde o ano 2006 a Fundación Reveriano Soutullo está a levar a cabo un importante labor nestes arquivos, que se materializa na recuperación de 22 partituras inéditas do compositor galego máis coñecido internacionalmente.

No encontro interviron María Rosa Arija Soutullo, neta do autor e presidenta da Fundación Reveriano Soutullo Otero; e os expertos Pablo Abreu, Halina Krzywicka e Javier Jurado Luque. Cada un deles, na súa intervención, abordou distintos aspectos da traxectoria profesional de Soutullo como os arquivos da banda municipal de Vigo, a relevancia da música na vida da muller galega, e as relación das súas obras co folclore.

Reveriano Soutullo naceu no 1880 en Ponteareas, onde desde ven pequeno foi iniciado na música da man de seu pai, que era director da banda de Redondela. Máis tarde trasládase a Vigo para estudar música na Escola de Artes y Oficios. Posteriormente, entre 1.900 e 1.906 completa os seus estudos no Conservatorio de Madrid, cidade na que estreou a súa primeira zarzuela.