Cultura e Educación apoia a nova edición do simposio sobre libro e lectura que organiza a Asociación Galega de Editores

O libro e a lectura nos medios centra a undécima edición deste foro de reflexión, que foi inaugurado hoxe polo secretario xeral de Cultura

Xov, 20/11/2014 - 14:40
Anxo Lorenzo na inauguración do simposio
Anxo Lorenzo na inauguración do simposio

A Asociación Galega de Editores (AGE) organiza unha nova edición do seu simposio anual sobre o libro e a lectura co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O libro e a lectura nos medios é o tema central da undécima edición deste foro de reflexión, que se desenvolve ao longo do día de hoxe no Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela.

No acto de inauguración da xornada, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, afirmou esta mañá que o campo que se precisa gañar para o libro pasa necesariamente por tirar proveito da oportunidade que ofrecen os medios. Tamén se referiu á importancia de “implicar a sociedade nesa consideración da lectura como un activo fundamental do noso desenvolvemento persoal e colectivo para lograr obxectivos novos”. “Nese camiño –dixo–, os medios de comunicación son socios imprescindibles e ese medio novo que é a rede é unha vía de posibilidades infindas”. 

Foro de reflexión con xornalistas culturais e escritores

Diversos xornalistas culturais e escritores expoñen as súas experiencias e propostas no simposio, que tamén conta co apoio n de CEDRO e do Consello da Cultura Galega.  A primeira das catro mesas programadas, ‘A cultura nos medios. O caso galego’, contou coa participación de Manuel Gago, xornalista cultural e director de culturagalega.org; Xosé Manuel Pereiro, xornalista e codirector da revista ‘Luzes’; e Camilo Franco, xornalista cultural e escritor. A segunda mesa da mañá, ‘O libro e a lectura na rede’, contou con Montse Dopico, xornalista cultural e creadora do Magazine Cultural Galego; César Lorenzo Gil, editor do blog Biosbarda; Nacho Alonso, director de contidos de Fervenzas Literarias e Raquel C. Pico, xornalista cultural e cofundadora de Disquecool.

Pola tarde, o simposio contará na ‘O libro e a lectura na radio e na televisión’, con Ana Romaní, escritora e directora do ‘Diario Cultural’ da Radio Galega; Henrique Sanfiz, xornalista, director de Radio Fene; Kiko Novoa, xornalista e director de Galicia por diante da Radio Galega. Na derradeira mesa do simposio intervirán Santiago Jaureguizar, xornalista de ‘El Progreso’ e escritor; Xesús Fraga, xornalista cultural en ‘La Voz de Galicia’ e escritor; e Carme Vidal, xornalista cultural en ‘Sermos Galiza’.

Ao abeiro dun convenio, Cultura e Educación vén colaborando coa AGE na realización deste simposio, así como noutras iniciativas, entre as que destacan a asistencia ás feiras profesionais máis importantes no ámbito internacional arredor do libro e os Premios da Edición de Galicia, que recoñecen o labor editorial.

Menús News node R

Tema